“Debemos transformar o patrimonio en algo mobilizador, xerador de identidade”. Entrevista a Pancho Casal (Marea Galeguista)

Podes escoitar a entrevista completa na nosa canle de Youtube

Boa tarde a todas e a todos. Hoxe temos con nós a Pancho Casal. Nado na Coruña no ano 1955, é enxeñeiro superior eléctrico pola Universidade Pontificia Comillas.; traballou 12 anos no sector enerxético e tamén foi director xeral e produtor executivo de Continental Producciones. Foi elixido deputado por En Marea nas eleccións ao Parlamento de Galicia do ano 2016 e actualmente é candidato á Presidencia da Xunta pola Marea Galeguista. Pancho Casal, que tal? Como estás?

Ola, boa tarde. Ben, moitas grazas. 

Como sabes, os comicios ao Parlamento de Galicia están cada día máis próximos. E dende a Revista Mazarelos gustaríanos que se puxese o foco nalgúns temas que non adoitan ter protagonismo nas campañas electorais. Se che parece comezamos coa primeira das preguntas.

Si, perfecto, moi ben.

1) Memoria Histórica. En xuño de 2019, a Cámara do Parlamento de Galicia aprobou por unanimidade a aplicación da Lei de Memoria Histórica do 2006. Non obstante, en Galicia continúa habendo exemplos como o do Pazo de Meirás ou as figuras de Isaac e Abraham que mostran unha ineficacia latente. Ten o seu partido algunha política prioritaria sobre a Memoria Histórica?

A nosa visión, na Marea Galeguista, de todo este tipo de reivindicacións é estar sempre ao carón dos movementos sociais e das asociacións, que saben máis. Aquí, imos na liña do que as asociacións galegas de Memoria Histórica teñen desenvolto. A nosa filosofía é de acompañar porque ninguén coñece mellor as problemáticas que os colectivos e asociacións que traballan nel durante moitísimos anos. Todas as nosas iniciativas recollémolas das conversas coordinadas na Iniciativa Galega pola Memoria, nas liñas que eles desenvolven de verdade, xustiza, reparación e garantías de non repetición. 

Cousas concretas: evidentemente, desenvolver unha Lei de Memoria Histórica Galega moito máis elevada no terreo e fundamentada no respecto aos dereitos humanos, na verdade, na xustiza, na reparación e na non repetición; ampliar moitísimos dereitos recoñecidos pola actual lei estatal ás vítimas do franquismo; e tamén que se inclúan dotacións de infraestruturas para axudar ás familias, de verdade, na procura de información e na solicitude de axudas que contempla a lei e que non se están desenvolvendo. Instamos ao Goberno central á súa recuperación e ampliación, porque desenvolver leis sen memorias económicas que as poidan poñer en funcionamento, é papel mollado.

Hai un proxecto que nos gusta moito, que é o proxecto universitario Nomes e voces para a investigación e divulgación da represión franquista en Galicia, e tamén para garantir a súa difusión pública, en imaxes, documentos, producións audiovisuais… que a televisión pública de Galicia podería asumir, e seguro que terían moitísimo interese.

Imos propor medidas de activación de investigacións de divulgación e homenaxe, que se dean por todo o país e sobre todo as que poñan en marcha as asociacións, que teñen que ter un apoio que non teñen neste momento. Consideramos que hai que avanzar no proceso democrático e iso implica avanzar sobre o que foi a Lei de Amnistía do ano 1977, coa nulidade dos xuízos franquistas, procesamentos, sentenzas, expedientes, etc., tanto na Guerra Civil como na ditadura ata o ano 1978.

É importantísimo, precisamente, como base de todo o que falamos antes de divulgación, a potenciación dos arquivos da memoria e non só os públicos, porque hai moitas en fundacións e noutras entidades que moitas veces non están conservados como se debería. Levamos tamén unha iniciativa para a declaración da Illa de San Simón como Illa da Memoria e desenvolver todo o seu plan de usos, etc. Despois evidentemente, unha reivindicación de todas as asociacións que non está completada, aínda que si se fixo algo, que é erradicar de todo o territorio galego toda a simboloxía da ditadura franquista. Eses son os eixos que levamos para traballar moito máis dunha lexislatura, pero nesa liña vai a nosa proposta. Non é unha proposta para catro anos; é unha proposta para cambiar o país nesta chamada nova realidade. 

2) Patrimonio. Pasamos ao seguinte punto polo que che queremos preguntar. O patrimonio artístico e cultural galego é sumamente singular e único, pero, pese as existentes lexislacións de protección e rehabilitación, é relativamente frecuente escoitar ou ler noticias relacionadas  con neglixentes destrucións físicas do mesmo. Que propón o teu partido para garantir a plena  preservación do patrimonio? 

Este asunto para nós é clave nun país como Galicia. Non só dende o punto de vista cultural, senón dende un punto de vista transversal que afecta á economía, ao turismo, etc. Aquí hai moitos exemplos, como Escocia, Bretaña ou outros sitios. Sobre todo, o cambio de paradigma que nós queremos trasladar, non só neste eido, senón todo o que é a nosa proposta; e é que no caso do patrimonio non se considere só como algo para a xente interesada na cultura con maiúsculas, senón transformar o patrimonio en algo mobilizador, xerador de identidade, e sobre todo para a xente máis nova. Porque cando o patrimonio se lle conta á xente máis nova, tanto a nivel curricular como en actividades especiais, realmente o toman con entusiasmo. Ademais iso, na cidadanía que está no entorno do patrimonio existente, xera espazos de interese común. É un eixo absolutamente vertebrador como un valor común desa comunidade e constrúe comunidade. Pero hai que darlles información, porque ás veces ponse un panel informativo e a xente o ve como unha cousa allea, pero vese que é un motor de desenvolvemento, pois o cambio sería radical.

É verdade que a nivel de inventariado, sobre todo por xente como Manuel Gago e moitos outros que están neste traballo, realmente hai ducias de miles de bens inventariados, pero despois non pasa de aí. A Xunta sitúa… ás veces mal, porque isto si que o comprobamos; que ao mellor hai unha mámoa ou os restos dun castro e a localización non é precisa, e niso se basean as persoas que teñen actividade extractiva nas zonas afectadas para dicir “ah! eu non sabía que iso estaba aí”, aínda que o vían. Hai que trasladar información aos propietarios moi clara para que saiban realmente o que teñen alí e o que poden facer e o que non poden facer. Pero sempre en positivo. Se se dan conta de que o que teñen alí aporta valor, realmente a súa percepción vai cambiar radicalmente. Non é só o que se fai en moitos casos de dicir “non podes facer nada”. Non, iso non pode ser. Hai que ofrecer actuacións e dicir “oe, mira, se isto se pon en valor, se o coidas, realmente iso che pode xerar valor económico incluso”, ademais do orgullo simbólico de que nas túas propiedades pois haxa historia de Galicia. Seguro que así a xente o protexería, o limparía de maleza, etc.

E despois, evidentemente desenvolver toda unha política orzamentaria para que moitos deses bens inventariados puideran pasar ao público. Evidentemente isto non se fai nunha lexislatura. Isto é un programa que podería levar dez ou quince anos a través de permuta de terras, adquisicións, etc., tentando reverter ao público todo o que sexa posible. Pero para iso necesítase tamén ter máis capacidades. Non hai persoal suficiente para a xestión do patrimonio (é anecdótico case). Debería haber delegacións territoriais; eu coñezo moi ben Bretaña, Escocia… e o retorno económico para as comunidades que teñen estes bens podería ser moi importante e colaborarían dunha maneira moi exemplar seguro.

Hai un último asunto no que pensamos traballar, aínda que xa digo, é o último (primeiro informar, valorar, poñer en valor…) que é dar transparencia ás sancións para que verdadeiramente sexan educadoras e exemplarizantes. Que a xente saiba que quen ademais de estar informado, motivado e mobilizado, se alguén fai o que non debe, que vai ter consecuencias.

Esta é, un pouco, o resumo. Despois, temos moitos puntos concretos, pero creo que xa sería demasiado exhaustivo empezar a falar de todos os plans de recuperación e de conservación; a rede destinos patrimoniais (evidentemente a Lei de Patrimonio Cultural que aprobou aquí o Partido Popular non ten en conta nada desta estratexia que nos plantexamos); optimizar o mapeo en colaboración con centros de investigación para que sexa preciso e non pase o que está pasando en actuacións ao mellor forestais, que están destruíndo bens coa escusa de que “alí no mapa que me mandaron, aquí non pon nada”; e despois, sobre todo, o maior eido no que hai que traballar é no Camiño de Santiago dunha maneira moito máis integral, incorporando o valor simbólico xa que, deberían traballar non só persoas de identificación e catalogación, senón persoas tamén do ámbito da antropoloxía, que puideran rodear todo iso de historia. Eu recordo que, por exemplo, en Escocia, un sitio que comparado coa riqueza que temos aquí non ten nin a décima parte, crean unhas historias e uns relatos entorno a iso que o fai moitísimo máis atractivo.

3) Cultura. Saltamos agora ao ámbito da cultura. Moitas persoas viron aliviada a corentena que vimos de pasar grazas ao sector cultural que, de maneira desinteresada, axudou a amenizar o tempo de confinamento. Isto demostrou a enorme importancia que ten a cultura para o conxunto da sociedade, aínda que non sempre se valore como se debería. Agora que volvemos pouco a pouco á normalidade, que medidas cres que precisa o sector cultural galego para ser potenciado e medrar?

Realmente é un sector que coñezo moi ben. Sempre pasa o mesmo, en tódalas crises o sector cultural sempre é dos primeiros en resentirse e dos últimos en recuperarse; de feito, nunca se recuperou da crise financeira do ano 2008, a precarización seguiu incrementándose de maneira verdadeiramente insasumible, e agora aínda máis. O tema é poñer en valor a cultura pública, democrática e accesible para todas as persoas; que realmente teña unha planificación de recursos ben distribuidos a nivel territorial, porque en Galicia iso é imprescindible tendo en conta o espallamento que temos; tamén a nivel social e a nivel económico. Nesa carta de dereitos da cidadanía que nos plantexamos para unha modificación do estatuto de autonomía, incluimos que haxa un dereito cidadán que sexa o libre acceso á cultura de maneira universal. 

Despois, esa mistura que fixo o Partido Popular de cultura-turismo deixou esquinada á cultura; o conselleiro teóricamente de cultura só fala de turismo e do Camiño de Santiago dende o punto de vista turístico. Non pode ser. Evidentemente hai interactuacións, como en tódalas consellerías, pero a cultura, nun país e nunha nación como Galicia, ten que ser absolutamente vertebradora de toda a sociedade e xeradora de identidade, tanto individual coma colectiva. Realmente, quero dicir, ata Estrella Galicia é cultura, iso é o que nós realmente queremos trasladar. Todo o que é a socioeconomía, cando ten detrás un país cunha cultura forte, sae valorizado; diso sabe moito, como digo, Estrella Galicia. Xa o nome, “Estrella” e “Galicia”, é un valor; ten unha historia e unha realidade social e nacional moi forte detrás. 

Ademais, a contratación pública de servizos culturais é totalmente inaceptable en tódalas escalas de contratacións: dende a autonómica á deputación. E agora, claro, é máis preocupante; dentro dos plans de reconstrucións do país, tódalas administracións terían que cumplir os contratos que non se puideron levar a cabo adiantando os pagos, porque a xente da cultura tamén come. Habería moitas cousas que facer para que o sector, tanto a nivel de autores, intérpretes e executantes como de industria cultural, non se quedara nunha situación de irrecuperabilidade garantida. Xa digo, unha cousa que nós imos plantexar ao día seguinte de entrar ao Parlamento é que tódolos contratos que quedaron paralizados pola Covid-19 sexan rematados e abonados; iso si, despois desprazando a data de realización. Sei que isto pode parecer complexo a nivel de burocracia administrativa, pero a excepcionalidade aplicouse tamén en cousas que eran complexas: neste sector ten que chegar tamén a excepcionalidade. 

O investimento en investigación cultural e a colaboración coas universidades está nuns niveis baixo mínimos. As bolsas de investigación ou o acceso a formación especializada, sobre todo para a xente máis nova, é fundamental. Tamén, toda a programación e difusión cultural ten que estar moito mellor articulada; non pode ser que haxa disfunsións e traballo en paralelo. Se hai cartos en varias administracións tería que haber un plan integral que as coordinara. É imprescindible un mapa de infraestructuras culturais, sexa de quen sexa, na mesma liña do que mencionei antes. 

Galicia ten que ter tamén unha lei de artes escénicas, é imprescendible. A lei do audiovisual e do cine de Galicia, por exemplo, creo que é do ano 1999, noutra realidade que nada ten que ver co que aquí temos. No ano 1999 era case unha utopía, eu coñézoo moi ben, a internacionalización masiva da nosa produción audiovisual; agora está aquí e hai produtoras, empresas e tecido para que Galicia sexa, de novo, unha gran potencia no audiovisual. Tamén desenvolver a lei do libro ou a lei de bibliotecas… Realmente, a Xunta de Galicia foi deixando isto de lado, sempre era o último. A veces estas propostas entraban no Parlamento pero sempre, digamos, quedaban aí ao rematar as lexislaturas, algo que non pode ser.

Despois, nesta candidatura apostamos dunha maneira decidida pola relación coa lusofonía. A promoción exterior da cultura e da nosa lingua vale, está moi ben facelo con Estados Unidos, Gran Bretaña, Francia ou Alemaña, pero o eixo vertebrador fundamental é a colaboración coa lusofonía. Incluso para crear un espazo cultural común; é un espazo cultural potentísimo onde poderíamos desenvolver iniciativas conxuntas con Portugal, Brasil ou o resto do espazo lusófono. Creo que eles estarían encantados e temos que ser nós quenes demos o paso e dicir que tamén queremos estar aí. 

Por outra banda, como pasa en tódolos sectores, a cultura está super precarizada pero, evidentemente, as mulleres estano moito máis que os homes. Todas estas leis que plantexei de produción intelectual, cultural e artística teñen que ter sempre un compoñente de xénero ineludible. En tódalas convocatorias e axudas, sexan editoriais, musicais ou de patrimonio. 

Como ves, moitas cousas pero claro, para nós isto vai moitísimo máis alá simplemente do que é a mera acción cultural. É tamén outro eixo vertebrador porque todo produto que teña relación ca sociedade, sexa o que sexa, ten cultura detrás e nosa debera estar detrás de todo iso. 

4) Investigación. Finalmente, non nos gustaría pasar por alto a investigación en materia de Ciencias Sociais. As recentes polémicas sobre a conciliación laboral e familiar no mundo da investigación posdoutoral ponen de manifestó as trabas existentes para a consolidación dunha carreira investigadora estable. A este futuro incerto cómpre engadirlle o desleixo que adoita existir cara ás Ciencias Sociais, imposibilitando ou dificultando a continuidade no traballo de investigadores e investigadoras en formación. Que medidas propón a Marea Galeguista para impulsar a investigación no ámbito das Ciencias Sociais?

A investigación, en todos os ámbitos, ten que ser a chave desa normalidade que, nós dicimos, ten que ser de todo menos normal. Evidentemente, cando falamos con asociacións de empresarios pregúntannos: “Estades en contra de que se derogen as reformas laborais?” Pois non, estamos a favor de que se quiten. Por que? Porque é o camiño dun país como Galicia, un país que ten que ser rico. Non é o da precariedade, o da incompetencia, e dos baixos custos laborais. Todo o contrario. E eso por que vén? Vén pola innovación e pola produtividade. Neste caso, esa “nova normalidade” se non está baseada nun piar estratéxico clave de investimento e coidado, porque ás veces non é só cartos senón respectar a toda esta xente que fai un traballo verdadeiramente imprescindible. Ten que ser o piar estratéxico do futuro do noso país. 

Ademais, o mesmo que falábamos da cultura pasa coa innovación. Aumenta o valor de todo: do traballo que facemos e da actividade produtiva. E despois hai que axudar aos científicos a avaliar. O outro día, por exemplo, lía un escrito de Ramón y Cajal no que dicía que xa era unha persoa madura e que “moitas das cousas que agora leo que se están a publicar como descubrimentos de outros -sobre todo de Koch, un dos maiores investigadores de virus e vacinas- e eso xa o sabía eu fai tres anos, pero como non sabía inglés non se enterou ninguén”. Iso, apoiar a avaliación e publicación de todo o que se está a desenvolver; non pode ser que haxa teses doutorais de gran valor que queden arrinconadas nunha estantería. Despois, un apoio e unha diferenciación clara para apoiar a presenza da muller na ciencia porque xa digo, aínda que este non é un problema que lles afecta só a elas, outra vez máis a precarización é reiterada.

 Eu estaba nesta área no Parlamento e Galicia non pode estar no 0,94% sobre o PIB en I+D; 30 puntos por debaixo da media española e menos da metade da media europea. A nosa referencia tería que ser fundamentalmente o País Vasco que pasa xa do 2%, máis do dobre. Pero cal é o problema aquí? Que non só non se orzamenta, senón que non se executa. Nos últimos seis anos a Xunta de Galicia deixou sen executar 250 millóns dos orzamentos de I+D+I; iso é inasumible. E seguen a dicir o mesmo: “é que a xente non o pide”, pero como non o vai pedir!, o tema é que non pode ser que se estén devolvendo fondos europeos por non executalos. Sempre din “non, é que isto é plurianual e por iso non o executamos”, pero as plurianualidades teñen que rematar algunha vez. Claro, se todos os anos estás un 20-25% do orzamentado, é que nin plurianualidade nin nada, nunca os executas verdadeiramente. Ademais, unha investigación e innovación que non vaian só a produto, senón tamén a procesos e investigación social. Porque iso é a base para que unha sociedade mellore. E se unha sociedade mellora, todo mellora: a economía, a cultura, os dereitos sociais, etc. 

Aquí temos moitísimas propostas que van dende implementar un pacto galego pola investigación; potenciar e recuperar o talento científico e investigador que tivo que emigrar dunha maneira real; empurrar programas de consolidación de proxectos de investigación e promover tamén o retorno dese talento; a posibilidade de desenvolver carreiras investigadoras para mozas e mozos formadas no sistema universitario galego, que ás veces non teñen a capacidade de poder seguir investigando e desenvolvendo todo o traballo que fixeron con anterioridade. Evidentemente, o goberno da Xunta ten que transferir moitos máis orzamentos en I+D+I ás universidades, porque é aí, é onde en todo o mundo funciona. Tamén máis programas de post-doutoramento coma o “Ramón y Cajal”, con incidencia especial na investigación en Ciencias Sociais, revertendo a precariedade laboral de moitos dos que agora están traballando nestes programas.

Despois, se alguén remata un contrato predoutoral é un traballador, non pode ser que non teñan indemnizacións de fin de contrato e dereitos laborais como calquera outro traballador. Nas bases de contratación dos concursos públicos e na asignación de bolsas de contratación, ten que haber claramente cláusulas de non discriminación porque se esixan os dereitos laborais recoñecidos legalmente, por razón de maternidade, coidados, etc. Ten que estar recollido, non pode ser que haxa mulleres que teñan que abandoar a súa carreira investigadora por ter que dedicar tempo aos traballos de coidados. Sobre todo digo mulleres porque non debera ser así, pero na realidade son as que normalmente o asumen. E tamén ser arriscados, ou sexa, é verdade que ás veces se di que “dar a xente moi nova fondos para a investigación e innovación pode parecer a arriscado”, pero de aí é de onde van sair as ideas máis disrruptoras. Evidentemente, ao mellor de cada 100 maduran 30, pero seguro que esas 30 son verdadeiramente innovadoras e sorprendentes; seguro que por aí todo o mundo da ciencia en Galicia tería unha ID nova e podería ser moi beneficioso. 

Desculpade (ri), pero é un tema no que levo traballando moito tempo; é tremendo a situación da innovación e do I+D en Galicia. A iso hai que darlle a volta, porque o outro é competir con China por baixos salarios e iso non pode ser. 

Pois Pancho Casal, moitas grazas por acompañarnos neste pequeno anaco e moita sorte para o que resta de campaña. 

Moitas grazas, sobre todo por aguantarme todo o rollo (ri). 

Comparte
Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on whatsapp
WhatsApp
Share on email
Email
Comentarios

Deixa un comentario

Relacionados