“En Ourense levamos o Entroido no ADN cultural”. Entrevista á Asociación de amigos/as da Pita das Eiroás

As Eiroás é un pequeno barrio situado na zona Norte do perímetro urbano do concello de Ourense. Conserva unha identidade rural, procedente da idiosincrasia que posuía até finais da centuria pasada. A mediados do s. XX, o matrimonio entre dous viúvos -Antonio Guimarey e Gumersinda Benavides, “a Pita”- dera orixe a unha festa, canda menos, especial. Esta coincidía co Entroido e converteu ás Eiroas nun dos lugares da cidade de Ourense no que se realizaba unha festividade singular que precedía á Coresma. Non obstante, esta deixouse de celebrar a principios dos 70. Foi no ano 1999 cando a Asociación de Veciños decidiu rescatar a memoria daquela celebración, enmarcándoa dentro do ciclo festivo do Entroido. Nesta ocasión, falamos con Lois Pardo (@loispardo), un dos impulsores da festa.

A primeira pregunta é evidente. Cales foron os motivos polos que decidistes recuperar esta tradición?

A finais da década dos 90, as persoas que estabamos á fronte da asociación veciñal traballamos nun plan de acción sociocultural para a zona que, ao tempo que incrementara a oferta cultural, traballara no fortalecemento da autoestima. Falando cos veciños soubemos da festa, da cinzarrada, da voda (ou do emparellamento) dos viúvos… E todo isto contado de primeira man, xa que algúns dos informantes formaran parte do grupo de mozas e mozos que provocaran a cinzarrada e que nos anos posteriores participaran da organización da festa. A chispa nos ollos dalgunhas destas persoas ao contárnolo, xunto á potencialidade dunha festa como o Entroido, animounos a desenvolver un proxecto que se iría implementando aos poucos nun prazo curto de tempo, mentres observabamos como era recibido.

O traxe tradicional da vosa festa son as pitas” de Eiroás. Se ben o seu nome procede do alcume de Gumersinda de Benavides, comparte características coas vestimentas tradicionais do entroido grazas á súa cor e as chocas arredor da cintura. En que outras tradicións vos inspirastes para deseñalo?

Pois en pouco máis. Queriamos un traxe que tivera a ver co que entendemos por traxe tradicional galego no maxín das xeracións actuais e pensando que tinha que ser un traxe “elegante” porque íamos de voda. E conscientes, en todo momento, do espazo cultural no que había que incardinalo (o entroido, as mascaradas e festas de inverno…), sabíamos que había que introducir elementos que dotaran á máscara de son e de cor. O primeiro que tivemos claro foi o nome, pensando no alcume da viúva. Para iso incluimos esa chiscadela ao animal no aspecto xeral da máscara.

http://https://www.youtube.com/watch?v=jqJvdKXoi2U

Acostúmase a dicir que Xinzo, Verín e Laza forman o triángulo máxicodo Entroido da provincia de Ourense. Non obstante, existen entroidos máis populares coma o voso, o Frei Canedo ou a Voda de Paquita e Nicanor en Seixalbo que forman un segundo triángulo máxicona cidade. Que importancia credes que teñen estes entroidos máis enxebres?

A importancia que as propias comunidades queiran darlle. Para alén das modas -que procuran festas multitudinarias nuns momentos ou aldeas semidespoboadas noutros- os aspectos rituais do ciclo festivo fan que as festas estén (deban estar) pensadas para a comunidade na que se desenvolven. Todo o demais é fume, que pouco ou nada aporta á tradición e ao mantemento da festa.

En calquera caso, e indo ao concreto da pregunta, os casos das Eiroás e A Ponte (e en menor medida, de Seixalbo, porque xa ten unha traxectoria temporal moito maior) son o testemuño máis evidente de que en Ourense levamos o Entroido no ADN cultural, e quen sabe se no outro tamén.

Os entroidos mencionados anteriormente, xunto a outros como os da comarca do Ulla ou os de Viana, están catalogados coma bens de interese turístico. Pensades que este turismo de entroidopode rematar co sentido tradicional desta festa?

É unha cuestión moi controvertida, que non ten unha resposta de cuestionario. Por respostar algo rápido poderiamos dicir que todo pode convivir, depende de que traballemos con proxectos a escala, que tenhan en conta todos os recursos e potencialidades do territorio.

Por outra parte, hai zonas con Entroidos formidables que se están quedando baleiras e nas que o Entroido (ou a súa iconografía) ven como auga de maio tanto para a economía local como para o sentimento de pertenza… Hai que traballar con moito coidado e con moito mimo en cada caso. Tampouco axudan moito as concentracións de máscaras (máis aínda cando son nun ámbito urbano, pero, voltando ao tema de antes, hai máscaras que apenas saen para familiares e fotógrafos… case que o seu único xeito de pervivencia é acudir a estas concentracións.

O Entroido talvez sexa a festa galega por excelencia. Con ritual, música, son, gastronomía, retranca e moita creatividade. Sen dúbida o seu lugar sería outro na identidade cultural galega se nos lugares de responsabilidade tiveramos a persoas que gozaran do Entroido e que estiveran orgullosos da súa Cultura.

Lois Pardo (@loispardo)

*Fonte da foto de portada: La Región

Comparte
Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on whatsapp
WhatsApp
Share on email
Email
Comentarios

Deixa un comentario

Relacionados