“Galicia é un país cunha enorme riqueza patrimonial practicamente en tódolos momentos históricos”. Entrevista a Román Rodríguez (PP)

Tamen podes ver esta entrevista na nosa canle de Youtube

Ola a todas e todos. Temos connosco a Román Rodríguez, candidato designado polo Partido Popular para responder ás preguntas de Mazarelos neste ciclo de entrevistas electorais. Román naceu en Lalín no ano 1968; é licenciado en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago de Compostela; doutor en Xeografía e profesor titular, tamén, de Xeografía na mesma universidade. Accedeu ao Parlamento de Galicia por primeira vez no ano 2009; entre o ano 2015 e o 2018 exerceu como conselleiro de cultura, educación e ordenación universitaria; e dende o 2018 ocupa o cargo de conselleiro de cultura e turismo. Preséntase de nº 6 pola provincia de Pontevedra polo Partido Popular. Boa tarde Román, como estás?

Ola, boa tarde. 

Como sabes, queda moi pouco para as eleccións deste domingo e nós, como Revista vinculada á Historia e á Cultura, non queremos deixar pasar a oportunidade de falar e poñer o foco sobre temas que non adoitan ter tanto protagonismo nas campañas electorais. Se estás preparado, comezamos xa coa primeira das preguntas.

Para iso estamos (ri).

1)Memoria. En xuño do 2019 a cámara do Parlamento de Galicia aprobou por unanimidade a aplicación da Lei de Memoria Histórica do ano 2006. Non obstante, en Galicia continua habendo exemplos coma o Pazo de Meirás ou as estatuas de Isaac e Abraham que mostran unha ineficacia latente. Ten o teu partido algunha política prioritaria sobre memoria histórica?

Estamos en pleno xuicio, precisamente, do Pazo de Meirás. Estamos ante un procedemento xudicial que foi impulsado, neste caso, por Galicia e que foi exemplo do consenso que primeiro se acadou fai aproximadamente tres anos no Parlamento, que posteriormente levou á Xunta de Galicia a poñer en marcha unha comisión de análise para evaluar as diferentes posibilidades que poidera haber para abrir unha demanda, neste caso contra a familia Franco partindo dunha serie de premisas. A primeira delas era reincorporar o Pazo de Meirás ao patrimonio público e a segunda non facer un desenvolso económico orientado á familia propietaria actual do pazo. Neste momento, estamos vendo como por parte do Estado se está cumprindo o mandamento impulsado por Galicia, un mandamento unánime. Debo dicir que, a instancia galega, o goberno do Estado presentou esta demanda, á cal a Xunta se suma; en certa medida buscamos demostrar que hai unha adquisición por usucapión na condición de ben de dominio público nas torres de Meirás. Agardemos que teña un bo resultado; eu podo dicir claramente que o Partido Popular de Galicia non ten ningunha débeda política nin moral coa ditadura nin por suposto co xeneral Franco

No caso, tamén, das figuras de Isaac e Abraham chegamos no seu momento a un acordo co Concello de Santiago, que é quen demanda a propiedade das estatuas, para proceder a unha acción coordinada tendente a que estas estatuas volvesen ao círculo público. Nese sentido, o traballo da Xunta de Galicia foi declarar BIC ás dúas pezas mateanas, e fixémolo. A verdade é que nos gustaría ter unha maior garantía xurídica para poder incorporalas ao patrimonio público; en todo caso, creo que estamos nun momento de inflexión, nun momento onde a sociedade galega e española en xeral está demandando unha serie de bens que, pensamos, foron ocupados ou adquiridos dun xeito presumiblemente fraudulento pola familia Franco. Agardemos que poidan voltar ao dominio público, tanto o Pazo de Meirás como as estatuas mateanas de Isaac e Abraham.

2) Patrimonio. Ben, saltemos agora ao patrimonio. O patrimonio artístico e cultural galego é sumamente singular e único; non obstante, pese as existentes lexislacións de protección e rehabilitación é relativamente frecuente escoitar ou ler noticias relacionas con neglixentes destrucións físicas do mesmo. Que propón o Partido Popular para garantir a plena preservación do patrimonio?

Galicia é un país cunha enorme riqueza patrimonial practicamente en tódolos momentos históricos. Creo que a xestión do patrimonio hai que abordala cunha visión integral e transversal. A nosa perspectiva fundaméntase nunha serie de aspectos: coñecemento, sensibilización, implicación, concienciación, rehabilitación e tamén posta en valor. Temos unha lei moi recente, do ano 2016, moi novidosa e avanzada para o seu momento; o que pretende basicamente é conxugar estos valores coa xestión dunha riqueza patrimonial en Galicia. Unha riqueza que por unha parte é unha seña que nos identifica e por outra é un recurso económico e turístico de primeiro nivel.

Levamos anos facendo un notable esforzo para mellorar o noso patrimonio. Temos abordado algún proceso de rehabilitación tremendamente significativo dos bens máis senlleiros do país: pensemos na Catedral de Santiago que é o ben máis icónico de Galicia; pensemos na rehabilitación que estamos facendo en Sobrado dos Monxes; pensemos no gran investimento que estamos a facer en diferentes bens patrimoniais da Ribeira Sacra para concidionalos á súa futura e previsible declaración como Patrimonio da Humanidade; pensemos tamén no Mosteiro de Oseira; na rehabilitación de moitos bens patrimoniais para ser empregados como albergues de peregrinos. En definitiva, rehabilitar o espazo construido cunha finalidade. Creo que iso é moi importante. 

Tamén entendemos que se debe xenerar unha maior sensibilización no conxunto da sociedade da importancia que ten o patrimonio, tanto a nivel presente como a nivel futuro. A divulgación é importantísima; que sexamos conscientes da nosa riqueza patrimonial. Para iso queremos impulsar un portal de patrimonio galego para difundir os enormes recursos patrimoniais; hai que pensar que en Galicia temos en torno a 60.000 bens catalogados, dos cales 700 son bens de interese cultural (BIC). Creo que é moi importante que adquiramos conciencia e coñecemento da enorme riqueza patrimonial que temos. E tamén que incorporemos todo o que ten que ver co mundo dixital; temos un proxecto, A memoria dixital de Galicia, que queremos divulgar na rede en colaboración con entidades públicas e privadas. Con calquer axente que teña interese no patrimonio cultural e na difusión, catalogación, preservación da riqueza e dos bens patrimoniais. 

Todo esto ten que ser un medio para lograr un maior benestar da sociedade e un orgullo; unha identificación cos nosos bens patrimoniais. E tamén que sexan unha fonte de riqueza e de orgullo para o país; aí creo que debemos traballar na xestión do patrimonio como un elemento clave do presente e do futuro de Galicia. 

Cultura. De acordo. Saltamos agora ao ámbito da cultura. Moitas persoas viron aliviada a corentena que vimos de pasar grazas ao sector cultural, que dun xeito desinteresado axudou a amenizar o tempo de confinamento. Isto demostrou a enorme importancia que ten a cultura para o conxunto da sociedade, aínda que non sempre se valore como se debería. Agora que volvemos pouco a pouco á normalidade, que medidas cres que precisa o sector cultural galego para ser potenciado e para medrar? 

A cultura é básica para entender o que hoxe é Galicia. Levamos xa tempo traballando na xestión cultural e nós a entendemos como un elemento vertebral da nosa acción política. Nós temos que acompañar aos sectores culturais, así o plantexamos sempre; unha liña de acompañamento, apoiando a liberdade dos creadores, dos creativos, en calquera ámbito, sexa nas artes escénicas, sexa nas artes plásticas, sexa na música, na literatura, etc.; respectar sempre a súa liberdade e plantexar un acompañamento sen ningún tipo de imposición e sen ningún tipo de intervención pública no traballo creativo. 

Tamén pensamos que a cultura ten dúas facianas: unha industrial e empresarial, porque hai unha industria cultural que crea emprego (en Galicia entorno a 35.000 persoas, un 3% do PIB); pero tamén hai unha cultura de base, non profesional, tradicional… que xurde da base popular e das base individual das persoas e que tamén temos que potenciar e apoiar.

Estamos nun bo momento. Hai un altísimo recoñecemento da nosa cultura. Os profesionais da cultura galega teñen premios e recoñecementos a nivel nacional e internacional en diferentes ámbitos (por exemplo, o audiovisual). Cada vez, nos útlimos anos, vemos como se incrementa o número de empresas culturais, como se incrementa o número de traballadores culturais. Temos proxectos en Galicia de primeirísimo nivel, tremendamente competitivos e moi destacados, que xeran, ademais dunha enorme forza da industria cultural, tamén unha gran repercusión económica, un grande retorno económico do seu entorno. Pensemos por exemplo na rede de festivais [de música], pensemos en actividades que están tendo unha gran penetración social, como poden ser as últimas exposicións que estamos desenvolvendo co gallo do Xacobeo 2021. A primeira que tivemos, Galicia, un relato no mundo, foi un éxito, cunha gran forza de penetración social. Imos comezar dentro de pouco unha segunda, Galicia, de Nós a nós, vencellada á Xeración Nós, vencellada ao aniversario… ao centenario da publicación da primeira revista da Xeración Nós. En certa medida, creo que estamos nun bo momento, que temos que ser capaces de aproveitar, grazas [este bo momento] ao gran traballo dos creadores e á labor de acompañamento que nós humildemente intentamos facer cos mesmos.

O futuro da cultura creo que pasa por unha serie de parámetros. Por unha parte, unha formación. Temos que estimular a formación no eido cultural, na empresa da industria cultural; temos que fomentar a innovación, temos que crear novos produtos culturais en diferentes ámbitos que vaian na dirección de fomentar os consumos, fomentar a demanda de novos produtos culturais e temos que ser capaces de rendabilizar e pór en valor as infraestruturas e os equipamentos culturais que temos en Galicia; e facer todo isto cunha visión transversal, unha visión descentralizada, chegando a todas partes, respectando o traballo dos creadores, respectando a forza creativa que temos en Galicia… E isto poñémolo en marcha a través de diferentes liñas de traballo. Por exemplo, unha das máis importantes son as redes de actividades que temos e impulsamos dende AGADIC, practicamente máis de 2000 actos todos os anos en diferentes concellos do país, que intentan chegar a tódolos públicos, rendabilizar todos os equipamentos e poñer en valor toda a nosa cultura. 

En definitiva, para nós a cultura é un símbolo de identidade básico para entender o que hoxe é Galicia. Respectamos os creadores culturais, cremos na liberdade e na liberdade creativa e pensamos que a cultura é un elemento vertebral, que xera cohesión no conxunto de Galicia e que é básica para entender o que hoxe somos como galegos e o que hoxe é Galicia.

Investigación. Ben. Finalmente, non nos gustaría pasar por alto a investigación en materia de Ciencias Sociais. As recentes polémicas sobre a conciliación laboral e familiar no mundo da investigación posdoutoral poñen de manifesto as trabas existentes para a consolidación dunha carreira investigadora estable. A este futuro incerto cómpre engadirlle o desleixo que adoita existir cara ás Ciencias Sociais, imposibilitando ou dificultando a continuidade no traballo de investigadores e investigadoras en formación. Que medidas propón a túa formación política para impulsar a investigación no ámbito das Ciencias Sociais?

É certo que o Estatuto do Investigador chegou tarde a España, e por extensión a Galicia, e é certo que en moitas ocasións, fundamentalmente no ámbito da investigación universitaria das CCSS, a carreira investigadora tiña un camiño final que era a consolidación como docente PDI dentro do marco universitario. Ese é un pouco o marco xeral, que en certa medida, nos últimos anos, está avanzando e é tendente cara a unha investigación que, dentro do marco das CCSS, teña unha implicación e un vencellamento coa sociedade cada vez máis importante. 

Para nós é moi importante potenciar as CCSS e as Humanidades. Eu son do ámbito das CCSS (fun becario “pre” e posdoutoral no seu momento) e impulsamos unha liña orientada a manter, dentro das diferentes ramas de coñecemento, que haxa un mínimo de investigadores, tanto no ámbito “pre” como no “pos”, vencelladas ás Humanidades e ás Ciencias Sociais.

Neste momento estamos aproximadamente entorno a un 25-30% de becas e contratos que aporta a Xunta de Galicia tanto aos becarios “pre” como aos posdoutorais. Neste momento estanse financiando dende a propia Xunta practicamente a 400 investigadores, dos cales sobre 245 son predoutorais e 143 son posdoutorais, cun investimento público nestas persoas de entorno ao 10 millóns de euros. A investigación no eido das CCSS adquire cada vez máis protagonismo. 

Para nós é moi importante un proxecto que comezamos nesta lexislatura, e que contamos poñer en marcha na seguinte, que é a posta en marcha do edificio Fontán. Alí estamos impulsando un centro de investigación de carácter europeo, o Centro Europeo de Investigación en Paisaxes Culturais (CEIPAC), que é un centro de carácter interdisciplinar, orientado a sumar as sinerxias, as capacidades investigadoras e o coñecemento das tres universidades galegas en diferentes ámbitos (Paisaxe, CCSS, Patrimonio, Camiño de Santiago…) e crear dentro deste edificio Fontán unha unidade de excelencia dende a perspectiva investigadora nas CCSS. Este edificio vai ser a infraestrutura que acolla a moitos investigadores e a moitos proxectos de investigación e grupos de investigación do ámbito das CCSS e das Humanidades e pensamos que vai ser sen dúbida un punto de inflexión.

Con todo, temos que seguir traballando e seguir apostando por consolidar as CCSS e as Humanidades dentro da estrutura da investigación, tanto potenciando e creando grupos de referencia, como grupos de potencial crecemento. En definitiva, apostando por que a investigación nestes ámbitos sexa cada vez máis significativa, aporte coñecementos, aporte valor e, sobre todo, teña un retorno positivo na sociedade, que ao final é quen nos financia a través dos seus impostos e nós nos debemos no noso traballo habitual (en calquera traballo, pero neste tamén en concreto) á propia sociedade e a dar respostas ás súas demandas.

Ben, pois, Román Rodríguez, moitas grazas por cedernos parte do teu tempo para esta pequena entrevista e sorte para o domingo.

Moitas grazas e unha forte aperta a todos os compañeiros de Mazarelos que, para min, no fondo están na miña casa, xa que eu son profesor da Facultade de Xeografía e Historia que está aí na Praza de Mazarelos.

Comparte
Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on whatsapp
WhatsApp
Share on email
Email
Comentarios

Deixa un comentario

Relacionados