Recepción e criterios editoriais

En Mazarelos estamos abertos á recepción de artigos orixinais dende a Historia e outras ciencias sociais, sen limitacións nin preferencias temáticas ou cronolóxicas. Só debes mandarnos o artigo cumprindo as seguintes características formais. En caso de que dubides se a temática é adecuada ou non, consulta a través de correo electrónico e dende o equipo de redacción daremos unha resposta.

Recepción

O envío de artigos farase directamente ao correo electrónico revista@mazarelos.gal, especificando no asunto “Proposta artigo Revista Mazarelos”. No email adxuntaránse os seguintes arquivos:

  • Artigo en formato .doc, .docx ou .odt. Texto con interlineado de 1.5 e tamaño 12. Notas ao pé de páxina e bibliografía adecuadas aos criterios formais de Mazarelos. O tamaño máximo é de 20.000 caracteres coas notas incluídas e sen contar os espazos. É preciso indicar no texto o lugar onde queres que vaian as imaxes.
  • Imaxes. Deben introducirse mínimo tres imaxes e máximo cinco. Cada unha debe ter o correspondente pé de imaxe cunha breve descripción e indicando a procedencia da mesma, que será incluída no arquivo do texto no lugar onde se desexe. As imaxes teñen que ter unha resolución mínima de 300ppp. Deben enviarse en arquivos separados numeradas. Só aceptaremos imaxes con licenza para a súa reproducción ou feitas polo propio autor. [Exemplo: Fig. 1. Lancha de pasaxe na ría, ca. 1930, Perlío (Fene). Fotografía 459. Arquivo do Reino de Galicia]
  • Breve texto biográfico. Debes adxuntar un breve texto biográfico nun documento aparte de non mais de 100 palabras e nun documento aparte. Indicanos o teu lugar de procedencia, o ano de nacemento e unha breve síntese dos teus estudos, publicacións destacadas e liñas de investigación de interese. Tamén é necesaria unha fotografía.
  • Criterios formais. Os artigos deben estar adecuados ao sistema de citas explicado neste documento.
  • Declaración de autoría firmada. É imprescindible adxuntar o documento de declaración de autoría e aceptación das normas firmado seguindo este modelo.

Avaliación

Unha vez comprobado o cumprimento dos aspectos formais, o equipo de edición fará unha valoración da pertinencia de publicación. O equipo de edición informará ao autor ou autora do resultado e, no caso de ser preciso, dos posibles cambios a implementar.