O choni: da periferia á apropiación

Marina González Estévez

Vimos asistindo dende hai uns anos a un interese académico por todo aquilo que pode recollerse baixo o termo do “urbano”, medran considerablemente os estudos sobre música urbana, sobre estéticas do suburbio e sobre o fascinante mundo do trap. Esta curiosidade académica, sen embargo, parte maioritariamente dunha mirada vertical sobre todo aquilo que pretende resignificar como elementos do noso discurso sociolóxico.

Esta situación de ensanchamento dun campo de estudo que, ata o de agora, era bastante marxinal, trae consigo moitas preguntas que deben ser postas sobre a mesa do académico. Non olvidemos que non hai tanto da invención dos termos choni, cani, pokero ou perroflauta, que, pese a referir correntes estéticas diversas, tiñan en común o afán de categorizar as identidades máis periféricas dende o discurso da clase media. Unha clase media urbanita, politizada e universitaria á que lle molestaba profundamente o desprezo que esas outras amosaban polos seus circuitos de participacón.

O choni era un insulto ata que o capitalismo o reapropiou, choni significaba lumpen, ese lumpen ao que a crítica marxista máis tradicional acusaba de ser eslabón no dominio burgués e de carecer de conciencia política. Salvando as diferencias, non se distancia tanto do absoluto desprezo que a cultura da clase media amosou pola cultura dos barrios obreiros. Todavía lembro cando en segundo de bacharelato un profesor de filosofía dixo que o problema era que as perruqueiras non lían filosofía. Eu resignifico a afirmación en forma de pregunta, non hai un problema en que a filosofía non se escriba para aquelas que non teñen os medios materiais ou inmateriais para acceder a ela?

Ser un cani era unha cousa malísima, un desafío, ata que o aparato totalizador do capitalismo decidiu que o kinki era unha canteira estética moi potente. O chándal de táctel, o leopardo, os aros rizados, o eyeliner que antes berraban unha identidade de barrio, agora berran: “teño o privilexio de poder levar todo isto e seguir gozando de estatus social”. Convertir á clase obreira máis vulnerable nun productor simbólico para os discursos académicos dende unha posición de privilexio que resulta inalcanzable para gran parte da clase obreira non é só unha manifestación de poder, senon un exercicio de violencia simbólica, discursivamente falando. É o suxeito académico o que pretende, cun relato unilateral, resignificar as identidades periféricas en beneficio do seu discurso. Reducir o mapa de identidades heteroxéneas a unha categoría estética despoxada do seu propio discurso é un proceso de idealización moi perigoso que acaba por glorificar ou castigar determinadas características desa identidade pero deixa fóra do relato os contextos nos que se producen.

Podemos falar dunha estetización do capitalismo que trata de homoxeneizar e precarizar os espazos comunitarios como son os barrios de bloques residenciais, os centros comerciais e os centros educativos construídos para congregar a unha comunidade proletaria que ocupa espazos urbanos cada vez máis periféricos debido aos procesos de xentrificación.

Xa non estamos na época na que a produción industrial e a produción cultural remitían a universos separados, radicalmente inconciliables; estamos no momento no que os sistemas de produción, distribución e consumo están impregnados, penetrados, remodelados por operacións de natureza fundamentalmente estética ((Lipovetsky, 2015: 9)).

Neste aspecto é moi clarificador o artigo de Layla Martínez (2019) para El Salto no que analiza o proceso polo cal a cultura comercial fai asumibles os productos arrancados do marxinal ao endulzalos e desvinculalos da cosmovisión que lles da sentido. En palabras da autora: “As revistas de tendencias copian a roupa dos chavales de barrio pero non falan de por que no extrarradio a taxa de abandono escolar é maior, a esperanza de vida máis baixa e as rúas están cheas de casas de apostas. O público do Primavera Sound corea cancións sobre pasar droga pero vive lonxe das infravivendas onde se trafica”.

En liñas xerais, a situación actual na que os organismos institucionais amosan un interés no proletariado como producto semiótico pero sen asumir a realidade heteroxénea na que se producen os seus discursos culturais é unha manifestación máis de clasismo e academicismo. Nesta liña, quizá deberíamos preguntarnos se as nosas aulas e palestras están preparadas para escoitar este relato de mans dos seus suxeitos e se non sería máis productivo pasar o micrófono que a condescendencia que hai en dar voz.

*A foto de cabeceira é unha imaxe da conta de Instagram (@pintadasbiendeguapas), setembro 2019.

Bibliografía

Gilles LIPOVETSKY e Jean SERROY: La estetización del mundo. Vivir en la época del capitalismo artístico. Barcelona, Anagrama, 2015.

Layla MARTÍNEZ: “Glorificar lo quinqui para que nada cambie”, El Salto, https://www.elsaltodiario.com/culturas/glorificar-quinqui-nada-cambie [Consultado: 23 de marzo de 2020].

Notas ao pé

 

 

Comparte
Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on whatsapp
WhatsApp
Share on email
Email
Comentarios

2 comentarios en “O choni: da periferia á apropiación”

Deixa un comentario

Relacionados