O culto a santa Eufemia na catedral medieval de Ourense.

Andrea Montes González

A figura de santa Eufemia é moi relevante na cidade de Ourense, de feito, é copatroa da catedral, xunto a san Martín de Tours, ademais de selo tamén dalgunhas igrexas de diferentes épocas. Esta relevancia xurde da localización dos seus restos no templo auriense, aínda que existen dúbidas sobre as orixes reais desta santa.

Dende tempos moi antigos, en Ourense venérase a santa Eufemia, a quen se lle cre galega por atopar os seus ósos na provincia de Ourense, concretamente nos montes do Xurés. Sen embargo, as similitudes haxiográficas que existen entre esta santa e a santa Eufemia de Calcedonia plantexan dúbidas sobre a súa verdadeira identidade.

 

Por unha banda, a haxiografía da santa oriental foi recollida no século XIII por Santiago de la Vorágine na súa Lenda Auria, onde o dominico narra a tradición na que, na cidade de Calcedonia e nun contexto de persecucións a cristiáns en época do emperador Diocleciano (ss. III-IV d.C.), unha xove cristiá de condición nobre decide ser valente e profesa a súa fe. Por outro lado, no século XVIII o bispo ourensán Muñoz de la Cueva, redacta un cronicón no que narra minuciosamente a historia da Eufemia galega, a cal el chama “Eumelia”, e a das súas oito irmás. Este documento sitúa o nacemento da santa en Baiona e como irmá de Liberata ou Librada.

Sen embargo, moitos son os estudos que demostran que a santa que se venera en Ourense sempre foi a oriental: existen variados calendarios anteriores ao século XII que falan da santa Eufemia de Calcedonia, coincidindo coa haxiografía da Lenda Auria; ademais dos breviarios galegos, como o tudense ou o auriense. Por tanto, por que o cronicón do bispo ourensán fala dunha santa Eufemia nada en Baiona e irmá de oito irmás?

Placa de Santa Eufemia

César Gil Atrio publicou unha obra no século XX na que trata o tema da apropiación santoral que se vén producindo en Galicia dende antigo, entre as cales atópase santa Eufemia. O autor explica que, no século XIV se introduce en Tui o culto a santa Eumelia, filla dun parto nónuplo e irmá de santa Librada, e que dito culto é propio de Sigüenza. É posible pensar que, a partires desta introdución santoral en Galicia a través da sede tudense, o imaxinario popular ourensá comezara a identificar paulatinamente esta nova santa Eumelia como santa Eufemia, a santa oriental que se viña venerando dende antigo, e se lle atribuíra esta identidade aos ósos atopados no Xurés.

Dita confusión explicaría o motivo polo que ámbalas dúas haxiografías comparten tantos relatos e detalles; ademais de explicar que a historia da santa Eufemia galega comparta do mesmo xeito detalles coa haxiografía de santa Librada de Sigüenza. Por tanto, o cronicón do século XVIII pódese entender como o reflexo da tradición oral e o pensamento ourensán, xa que relata o final dunha longa historia que foi cambiando durante moitos séculos ata chegar ao esquecemento da santa oriental para albergar no templo auriense os restos dunha persoa descoñecida, pero que se cre unha santa con identidade galega.

BIBLIOGRAFÍA

Flórez, Enrique. España Sagrada. Vol. 17. Madrid: Imprenta Real, 1763.

Gil Atrio, Cesáreo. Contrabando de santos. Caracas: San Pablo, 1962.

González García, Miguel Ángel. La cristianización, la catedral y San Martín de Tours en los comienzos de la historia de la ciudad y diócesis de Ourense. Ourense: Archivo Capitular Ourense, 2010.

González García, Miguel Ángel. “Las reliquias de la Catedral de Ourense. Apuntes para su historia”. Capítulo X en Memoria ecclesiae XXXVI. Oviedo: Asociación de Archiveros de la Iglesia en España. 2011.

González García, Miguel Ángel, Hervella Vázquez, José & Yzquierdo Perrín, Rafael. La Catedral de Orense. León: Edilesa, 1993.

Hernández Figueiredo, José Ramón. Aportaciones a la memoria histórica de Santa Eufemia en Ourense. Ourense: Parroquia de Santa Eufemia la Real del Centro, 2016.

Morales, Ambrosio. Viaje a los Reinos de León y Galicia y Principado de Asturias. Oviedo: biblioteca Popular Asturiana, 1977.

Muñoz de la Cueva, Juan. Noticias históricas de la Santa Iglesia Cathedral de Orense. Madrid: Imprenta Real, 1726.

Vorágine, Santiago. La leyenda dorada. Vol. 2. Madrid: Alianza, 1982.

Comparte
Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on whatsapp
WhatsApp
Share on email
Email
Comentarios

3 comentarios en “O culto a santa Eufemia na catedral medieval de Ourense.”

  1. Excelente artigo. Fiquei curioso de saber da relação entre a catedral de Ourense e São Martinho de Tours. É possível indicar-me literatura? Muito obrigado.

    Responder
    • Moi boas! En primeiro lugar, moitas gracias. Por outro lado, sobre a relación entre san Martin de Tours e a catedral de Ourense hai moita bibliografía, xa que forma parte dos inicios da sé catedralicia. Sen embargo, a min gústame ler o apartado sobre a fundación catedralicia de Ourense no “España Sagrada” (volumen 17) no padre Enrique Flórez. É unha fonte primaria, pero segue vixente. De tódolos xeitos, igual hai algún artigo sobre este tema próximamente 😉

      Responder
  2. Moitas grazas por compartir isto. ¿Sabería dalgunha fonte que conte con máis imaxes de todas as zonas de Santa Eufemia da catedral? E quizais sabes onde podo mercar artigos relixiosos relacionados con ela en liña? Eu vivo nos Estados Unidos e aínda non podo visitalo, pero teño devoción por Santa Eufemia. A información e os artigos relixiosos para mercar non se atopan aquí en ningures.

    Responder

Deixa un comentario

Relacionados