«Sedis Auriense»: ¿unha urbe con dúas catedrais?

 Mateo Martínez Torres

   Durante moitos anos existiu unha «verdade histórica» defensora de que a cidade medieval de Ourense tivera dúas catedrais simultáneas, dúas sés catedralicias: a que actualmente é a Catedral de San Martiño e a Igrexa de Santa María Nai. O entramado historiográfico defensor da hipótese «bi-catedralicia» está asentado sobre un debate moito maior: o referido á despoboación dos territorios fronteirizos coa hispania musulmana.

   O documento fundamental en torno ao cal xiran estas discusións é a Crónica de Afonso III, datado cronolóxicamente a finais do século IX. Este serviu á historiografía tradicional, en especial a Claudio Sánchez Albornoz, para intentar demostrar a despoblación do sur de Galicia xa que, segundo el, existen diversos conceptos que expresaban literalmente a idea de despoboación e repoboación.

Sección dunha miniatura medieval onde están representados Afonso III  e a raíña Ximena. Liber Testamentorum Ecclesiae Ovetensis. Fonte: wikimediacommons.

   Nunha das versións do documento (a Carta Sebastianense) defínese a delimitiación da vella Auria: esta iniciaríase polo termo de Penna do Vado, formación rocosa situada nalgún dos vados que atravesaban o Miño; continuaría polo outeiro das Letanías e o monte de Santa Ladaiña, ao oeste da cidade, e seguiría por Mahonete (nome de difícil identificación que pode facer referencia ao «Río Muíños», mal chamado na actualidade barbañica). O coto continuaría por outeiro de Rei e San Cibrao das Viñas, o monte Cumial, Santa Mariña do Monte e sancti Eusebii, un santuario dedicado a este santo na zona do Ceboliño. Finaliza a delimitación no río Lonia, discurrindo o seu cauce até a desembocadura no Miño. O problema reside en que moitas das circunscripcións citadas son as mesmas mencionadas no Parroquial Suevo (Parochiale suevum), un documento datado arredor do 570 que foi transmitido illadamente no Corpus Pelagianum do s. XII polo bispo de Oviedo.

Mapa que amosa a delimitación xeográfica da sés de Ourense exposta no Parroquial Suevo. Fonte: Fernández Casal, M. A.

   Así, como é posible que un documento do s. IX (Crónica de Afonso III) conte cos mesmos datos que outro do s. XII se non tivo contacto algún coa fonte orixinal? A explicación é sinxela: trátase dunha falsificación medieval e, en realidade, a Crónica de Afonso III é moi posterior á data que pretende representar. A suposta repobación dos diversos territorios por parte da monarquía asturiana representaría o equilibrio entre a Cidade de Deus e a Cidade dos homes das que falaba Agostiño de Hipona; demostraría que a monarquía asturiana estaba protexida pola man divina e, polo tanto, lexitimada para expulsar aos musulmáns da península. Trátase, como afirma Anselmo López Carreira, dun documento que ten por obxectivo lexitimar a autoridade monárquica exercida dende Oviedo. As falsificacións e manipulacións eran algo normal no século XII, especialmente por parte dos clérigos. Deste xeito, unha nova lectura dos documentos pode demostrar que realmente a cidade de Auria non estivo deshabitada, senón que seguramente viviu etapas de inestabilidade até o ano 1071, momento no que Ederonio ocupa a cadeira episcopal e se produce o «renacer urbano» da urbe.

   Voltando á idea exposta no inicio, moitos autores e autoras elaboraron teorías sobre a conformación da sé auriense altomedieval a partir da Crónica de Afonso III, que como afirmamos con anterioridade, é unha falsificación. No documento afírmase que a sé conta cunha triple invoación a Santa María, San Xoán Bautista e San Martiño, polo que moitas das teses chegaron a afirmar que a cidade estivera estruturada dende un inicio sobre unha igrexa paleocristiá con advocación á nai de Xesucristo; é dicir, afirmaban que no emprazamento actual de Santa María Nai se atopaba un antigo templo prerrománico.

Ciborio da Catedral de San Martiño visto dende a actual Praza dos Suaves. Fonte: La Región.

   Esta pasaría a segundo plano trala construción de San Martiño polo monarca suevo Carriarico no século VI despois dos sucedos milagrosos narrados por Gregorio de Tours no seu De miraculis Sancti Martini. Deste xeito, tralos estragos que a «despoboación» causara na cidade, o «antigo templo paleocristián» de Santa María cumpriría a función de catedral mentres a de San Martiño era reconstruída. Así, segundo esta antiga hipótese, a Sé Episcopal de Auria contaría cun «conxunto episcopal dobre» prerrománico, algo único na realidade da Gallaecia medieval.

Lápida fundacional da Igrexa de Santa María Nai. Fonte: Faro de Vigo

   Non obstante, os estudos actuais sinalan que a igrexa de Santa María Nai non existiu antes do s. XI, senón que foi mandada construír polo bispo Ederonio no ano 1084. A testemuña fundamental para esta teoría reside na lápida fundacional da igrexa, situada no costado norte do actual edificio barroco (na Praza da Madalena, a carón da pequena Rúa do Esquecemento). Esta data as obras da igrexa no ano 1084, e pon de manifesto que o bispo construiu unha nova igrexa a partir de cero, sen facer alusións a un edificio previo. Ademais, na fachada da mesma podemos atopar catro capiteis correspondentes á igrexa prerrománica de San Martiño, a cal foi derruida para erguer a Catedral románica que coñecemos hoxe en día.

Columnas e capiteis reutilizados na fachada da Igrexa de Santa María Nai. Fonte: Jesús Caramanzana ©

   É certo que a sé ourensana atravesou momentos de inestabilidade ata o ano 1071, destacando o asedio normando do 985; mais a construción de Santa María Nai débese a que a urbe de Auria medrara o suficiente para albergar unha nova igrexa. Esta nova edificación é sintoma dun crecemento demográfico e económico da cidade, e do que se podería considerar o inicio dunha nova etapa de dinamismo urbanizador; etapa que se caracteriza tamén pola construción da nova catedral románica de San Martiño. Polo tanto, a hipótese da sé con dúas catedrais é un factor máis para defender a «despoboación» da zona sur de Galicia e, indirectamente, a paradoxa da «Reconquista».

*A foto de portada correspóndese co Pórtico do Paraíso da Catedral de Ourense. Fonte: www.turismodeourense.gal

Bibliografía

-Carrero Santamaría, Eduardo. “De la Catedral Medieval de Ourense y sus inmediaciones. Nuevas hipótesis sobre viejas teorías” en Porta da aira: revista de historia del arte orensano, núm. 9 (2002): 9-30. Dispoñible en https://dialnet.unirioja.es/servlet/articulo?codigo=2011094

-Díaz y Díaz, Manuel; Del Oro Trigo, Pilar. “La Diócesis de Orense hasta el año 1000” en García Oro, José; Barreiro Mallón, Baudilio (eds.). Historia de las diócesis españolas. Biblioteca de Autores Cristianos: Madrid, 2002

-Durany Castrillo, Mercedes. “Ourense na Idade Media” en Castro Pérez, Ladislao. Historia de Ourense. Vía Láctea: A Coruña, 1996.

-Fernández Casal, Miguel Ángel. “Relaciones de poder monarquía-Iglesia en la época medieval: las concesiones regias de cotos a la catedral de Orense (s.XII-XIII)” en Minius, núm. 4 (1995): 71-88

-Gallego Domínguez, Olga. “Torres, puertas y cerca de la ciudad de Orense” en Boletín Auriense, núm. 2 (1972): 241-278

-Gómez Villar, Aurelio. “In tempore sueborum”. El tiempo de los suevos en la Gallaecia (411-585). El primer reino medieval de occidente. Deputación provincial de Ourense: Ourense, 2017

-Isla Frez, Amancio. La sociedad gallega en la alta edad media. Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC): Madrid, 1992

-López Carreira, Anselmo. O reino medieval de Galicia. Contribución a unha historia política. Edicións A Nosa Terra: Vigo, 2008

-Portela Silva, Ermelindo. “Galicia en la época de Alfonso III” en Fernández Conde, Francisco Javier (ed.). La época de Alfonso III y San Salvador de Valdedios. Servicio de publicaciones de la Universidad de Oviedo: Oviedo, 1994

Comparte
Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on whatsapp
WhatsApp
Share on email
Email
Comentarios

Deixa un comentario

Relacionados