Valdepereira: Agrarismo e anarquismo no Ribeiro

A pesar de que as relacións do agrarismo co movemento obreiro xa eran unha realidade nos anos previos á ditadura de Primo de Rivera, foi durante a II República cando se «socializou a política» e o asociacionismo agrario se inclina cara ao socialismo, comunismo e anarquismo. En Valdepereira (Ribadavia) constituíuse unha Sociedad de Agricultores de índole anarco-sindicalista. Non era a única agraria de tendencia obreira no Ribeiro; as sociedades socialistas da Veiga, Rabiño, Laias, Francelos, Arnoia, Melón, Beade, Ventosela e Ribadavia contaban cunha forte implatanción no agro ribeirán. Tamén as agrarias de Beiro -Carballeda de Avia- e Macendo -Castrelo de Miño-, próximas ao PCE.

As proposicións do anarcosindicalismo no referente ao rural centrábanse na negativa ao pago das rendas da terra nos anos sen colleita, a abolición dos foros e a expropiación das terras públicas en beneficio dos sindicatos campesiños para o seu cultivo en común e colectivización[1]. Así, a Confederación Regional Gallega -CRG-, sección galega da CNT, soubo adaptar as teses anarquistas á realidade minifundista galega. Non obstante a negativa do anarco-sindicalismo por teren participado das loitas políticas municipais mermou a súa influencia fronte a un agrarismo socialista que percibía ao Concello como unha conquista que abriría melloras para a situación do campesiñado[2].

No albor dos anos republicanos a Federación Nacional de Trabajadores de la Tierra -FNTT- sección agraria da UGT, dominaba o panorama asociacionista do Ribeiro, se ben a implantación do socialismo xa era unha realidade xa nos previos á Ditadura de Primo de Rivera. Pola súa banda, a Confederación Regional Galaica -CRG-, sección da CNT en Galicia,aproveitou a situación conflitiva en torno á construción do ferrocarril en Ourense para implantarse no mundo rural da provincia[3].

Non coñecemos a data exacta da agraria de Valdepereira. Non aparece referenciada na prensa anarcosindicalista galega ata o ano 1936, en concreto, na relación de sindicatos da CRG representados no II Congreso da CNT celebrado en Zaragoza no mes de maio[4]. Nese momento conta con 53 afiliados e compartía área de influencia co Sindicato de Agricultores de San Paio de Ventosela, de tendencia socialista. De feito, é moi probable que a fundación da agraria de Valdepereira se producise ben polo desencanto de parte do campesiñado coa lentitude da reforma agraria, ben pola radicalización do proletariado tralos sucesos de Outubro do 34. José Bóveda Formigo, “Pepe”, fundou xunto ao “Cacheiro” a sociedade agraria. O primeiro afirmaba o seguinte:

«Aos ricos non lles conviña esa sociedade que había en Valdepereira porque puxeran as oito horas para o traballo do campo, de cavar e abrir para abonar as cepas, podar ou rodrigar e repartíanlle o traballo aos xornaleiros para que todos tuveran pan. Pero eles querían xornaleiros contratados doutra maneira que lles traballasen de sol a sol e non querían ese control da sociedade; houbo unha lucha (sic.) grande porque despois, cando querían contratar xornaleiros, tiñan que ir á sociedade e xa non podían collelos por amistade si non estaban asociados. Ises que non estaban asociados no sindicato xa non podían traballar de xornaleiro e tampouco querían porque tiñan que pagar un tanto máis para soster ise sindicato… Aos que organizaran fusiláronos a todos no Movimiento»[5]

Nesa última mención, o “Pepe” fai referencia á violencia indómita exercida no Ribeiro coa sublevación militar de xullo de 1936. Diversos afiliados e directivos da sociedade agraria de Valdepereira foron represaliados despois da sublevación:

[1] Solidaridad Obrera, nº 39 (5-IX-1931), p. 2.

[2] Miguel CABO VILLAVERDE: O Agrarismo, Edicións A Nosa Terra, Sada, 1998, p. 197.

[3] Dionísio PEREIRA: “A C.N.T. no campo galego: (1931-1936), Cuaderno de Estudios Gallegos, 93-94-95 (1980), p. 252.

[4] Solidaridad, nº 48 (23-V-1936), p. 2.

[5] Memoria de vida de Antonio Vidal Iglesias. A Grova (Ribadavia). Citado en Raúl SOUTELO VÁZQUEZ: “Organización y movilización campesina en el Ribeiro ourensano, 1880-1936”, Minius, 8 (2000), p. 109.

Comparte
Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on whatsapp
WhatsApp
Share on email
Email
Comentarios

Deixa un comentario

Relacionados