“Rachar as cadeas e vivir en revolución”: A Folga Xeral de Vigo (Setembro de 1972)

Mateo Martínez Torres

«Galicia débelle moito aos traballadores de Ferrol e Vigo e aos estudantes de Santiago, porque se fora pola maioría da poboación galega, non tivera habido a transición da Ditadura á Democracia». Carlos Barros, membro central do comité central do PCG no 1972, para unha entrevista a Praza Pública (14-03-2013)

No mundo laboral galego, o ano 1972 é particularmente conflitivo. Nas provincias da Coruña e Pontevedra o movemento de folgas cobra grande importancia en comparación co resto do país. As dúas accións de protesta máis destacadas suceden durante marzo en Ferrol, a causa da negociación colectiva no estaleiro Bazán, e setembro en Vigo, como consecuencia dunha prolongada folga xeral local en solidariedade con traballadores despedidos de Citroën. Non obstante, os precedentes das loitas obreiras en Galicia poden atoparse xa a finais dos anos 60, non só pola influencia internacional do Maio do 1968, senón tamén pola conflitividade vivida no rural galego do momento. Destaca así a relacionada coa expropiación e usurpación forzosa de terras, que tivo os seus momentos máis significativos na protesta contra a instalación da fábrica de celulosas de Lourizán (Pontevedra) e a morte dun labrego na represión exercida pola Garda Civil en Mazaricos, ambas no 1963. Por outra banda, destacan tamén os conflitos contra a construción de varios encoros (Castrelo de Miño, Frieira, e Portodemouros) e os referidos á política dos prezos agrarios, centrados nas demandas da mellora de prezos do leito e a carne, destacando a folga de produtores lácteos de Lugo no 1967.

Carta de Ubalda Estévez, viúva dun dos falecidos en Ferrol, solidarizándose cos traballadores vigueses (24-05-1972). Fonte: Arquivo da Fundación 10 de marzo

A relación entre as folgas de Vigo e Ferrol é evidente, non só porque comparten un marco ideolóxico semellante, senón tamén un marco xeográfico e unha cultura común obvia. Á altura do 1972, os comunistas contaban cunha estrutura interna clara, con Carlos Núñez como responsable local, e Carlos Barros, membro do Comité Central do Partido Comunista de Galicia (PCG), como responsable e coordinador do movemento obreiro nas empresas Álvarez, ASCON, Aunaval, Barreras, Citroën, Freire e Vulcano. Deste xeito, e retomando o tema inicial, a relación entre a cidade olívica e a capital de Ferrol-Terra é evidente, como testemuña o propio Carlos Barros nunha entrevista do ano 2013:

No xornal que eu dirixía, Vigo Obreiro (…), escribín que estaba pendente unha Folga Xeral como a de Ferrol, en Vigo, pola propia dinámica do movemento obreiro na cidade, e así foi.

Coia, vista dende Gran Vía. Vigo, 1972

Na labor sindical, as Comisións Obreiras eran a única organización de oposición con protagonismo nas empresas viguesas a principios dos anos setenta, xa que, malia que os sindicalistas da Unión Sindical Obreira (USO) militaban nas súa filas, a Unión Xeral de Traballadores (UXT) e a Confederación Nacional do Traballo (CNT) foran desarticuladas en Galicia tralo Golpe do 36. Por outro lado, a mediados dos 60 a Unión do Pobo Galego (UPG) tiña o seu principal centro de actividade en Vigo, pero debido á súa escasa implantación social na cidade, comezou a mudar na década seguinte grazas á nova dirección do partido. Esta imprimiulle un selo obreirista á organización, facilitando a entrada nela dunha parte dos integrantes do colectivo Galicia Socialista (GS), algúns dos cales traballaban en centros de traballo localizados en Vigo, como Citroën ou Plásticos Galicia, e desenvolvían a súa actividade no seo das Comisións Obreiras (CCOO).

Así, os sucesos de Citroën convertéronse no maior conflito sociolaboral que viviu a cidade de Vigo durante a Ditadura, sendo unha das maiores folgas do tardofranquismo. Como di Carlos Barros:

Galicia estaba na vangarda dese proceso [a loita sindical], cando menos os traballadores de Ferrol e Vigo e os estudantes de Santiago de Compostela (…), mentres que o resto de Galicia vía a distancia esa confrontación.

O movemento obreiro demostroulle ao Ditador que a súa pretensión de rematar coa loita de clases e desarticular ao movemento obreiro foi un fracaso absoluto, denotando que a paz social tan celebrada polo Ministro de Gobernación do Réxime, Manuel Fraga Iribarne, non tiña ningunha veracidade.

Breve noticia no xornal ABC sobre a folga xeral viguesa (12 de Setembro de 1972). Fonte: Hemeroteca ABC

En Citroën, ante a falta de acordo sobre o convenio, estábanse a aplicar as Normas de Obrigado Cumprimento, xa que os traballadores apoiaban unha plataforma reivindicativa elaborada pola Comisión Obreira da fábrica. Así, demandaban a xornada de 44 horas semanais, a semana inglesa, levando a cabo un parón no turno de tarde do sábado 9 de setembro. Todo isto provocou o despedimento de nove traballadores, entre os que se atopaban tres cargos sindicais. O domingo 10, nunha asemblea dunhas catrocentas persoas celebrada na Madroa, acordouse que non se volvería ao traballo mentres non fosen readmitidos os despidos; e dende o luns 11 a folga de solidariedade cos despedimentos de Citroën comezou a espallarse por toda a cidade olívica. Deste xeito, formáronse os primeiros piquetes informativos, o cal se traduciu nos primeiros paros dalgunhas seccións de Santo Domingo, Barreras e Vulcano, propagándose nos días seguintes a Reyman, Atiscar, Forjas del Miñor, Censa, Álvarez e unha parte o sector da construción. Así, a altura do día 16 a folga era xeral no sector industrial, e estendérase a diversas empresas da bisbarra de Vigo. Por outra parte, a empresa de transporte Vitrasa foi un caso especial: para conseguir que os condutores dos autobuses participaran na protesta formáronse comandos que se trasladaron ás cabeceiras.

Asemblea en Barreras nos anos 70. Fonte: Arquivo de Comisións Obreiras

As autoridades políticas desenvolveron unha represión selectiva que, aínda que afectou a tódolos comprometidos co conflito, se concentrou con atención especial nos membros máis sobresaíntes das Comisións Obreiras, que maiormente eran enlaces e vogais xurados e participaran activamente na Folga Xeral. Nas primeiras semanas do 1972, 3500 traballadores en folga tiveran en xaque a fábrica de pneumáticos Michelín, en Vitoria (Euskadi), a empresa máis grande do territorio neses momento. Isto denota que sucesos coma os de Ferrol ou Vigo deben ser encadrados no contexto do tardofranquismo, onde o movemento obreiro era duramente perseguido.

Traballadores en Vigo no 1972. Fonte: Arquivo Vigo 1972

No remate da mobilización viguesa cruzáronse dúas dinámicas: por unha banda, a dirección da folga xa acordara a volta ao traballo de forma ordenada, no que podemos cualificar de repregamento organizado. Por outro lado, as autoridades dispuxeron un forte dispositivo policial nas empresas, evitando así a realización de novas asembleas, e iniciando o descabezamento da folga mediante a persecución e detención dos líderes máis destacados. Secasí, ata decembro, algunhas empresas como Barreras e Vulcano daban os últimos coletazos con accións de protesta. En Vigo sobresaía o apoio recibido polas Comisións como exemplo do novo tipo de sindicalismo, a inutilidade do Sindicato Vertical e o significado sociopolítico da loita da clase obreira como o sector máis activo da sociedade na oposición á Ditadura franquista.

Parágrafo da Revista Terra e Tempo analizando a Folga Xeral de Vigo; Setembro 1972. Fonte: Arquivo UPG

Está claro que o mecanismo que activou a folga xeral de setembro de 1972 foi a solidariedade cos despedidos de Citroën. A cultura da solidariedade adquirírona os traballadores vigueses dunha significativa parte das empresas en mobilizacións previas, sobre todo en marzo e maio dese mesmo ano; sen estas experiencias tería sido imposible unha acción colectiva como a de setembro. Toda a conflitividade social xerada nas grandes empresas durante o 1972 colocou a Galicia no primeiro plano das loitas laborais contra o Réxime, e mesmo lle deron unha proxección internacional, pois o apoio solidario rebordou as fronteiras españolas e a prensa internacional comentou os conflitos. Incluso no ámbito cultural se pode observar a diferenza entre a imaxe que o réxime vendía de Galicia, e o que verdadeiramente acontecía. Mentres Julio Iglesias cantaba no mesmo ano 72:

Un canto a Galicia, hey, terra do meu pai; un canto a Galicia, hey, miña terra nai / Teño morriña, hey, teño saudade; porque estou lonxe, de eses teus lares

A Galicia daqueles anos, en concreto a base estrutural do movemento obreiro e estudantil, non recitaba as letras do artista madrileño; mais ben pronunciaban cánticos coma este: Traballador galego non teñas medo da represión, racha a cadea de escravo e vive sempre en revolución. Tiñan morriña da liberdade perdida no 1936, e procesos coma os ocorridos en Vigo ou Ferrol son vitais para demostrar o falso mito da Transición pacífica da Ditadura a Democracia. A clase obreira galega foi artífice parcial do cambio democrático que se produciría poucos anos despois, mais esta segue a ser unha historia que a día de hoxe está rodeada por un ominoso silencio.

Bibliografía empregada

Domínguez Cabaleiro, Mario; Gómez Alén, José (et al.). Organización e mobilización dos traballadores durante o franquismo: a folga xeral de Vigo do ano 1972. Santiago de Compostela: Instituto Universitario de Estudios e Desenvolvemento de Galicia, 2001.

Gómez Alén, José. As CC. OO. de Galicia e conflitividade laboral durante o franquismo. Vigo: Xerais, 1995.

Rico Boquete, Eduardo. “El Franquismo en Galicia” en De Juana López, Jesús; Prada, Julio (coords.). Historia Contemporánea de Galicia. Barcelona: Ariel, 2005.

Entrevista a Carlos Barros en Praza Pública (14/03/2013) Dispoñible en http://cbarros.com/wp-content/uploads/2015/audio/Entrevista-Sobre-A-Folga-Xeral-De-1972-En-Vigo-(1432013)-Carlos-Barros.mp3

Comparte
Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on whatsapp
WhatsApp
Share on email
Email
Comentarios

Deixa un comentario

Relacionados