1352. A Peste Negra chega a Ourense

Mateo Martínez Torres

A peste, a gran asasina da humanidade, descoñecida e terrorífica para as persoas do século XIV, só podía ser explicada no seu momento coma un castigo divino; un terzo da poboación europea morreu, directa ou indirectamente, a raíz desta enfermidade. Tratouse dun fenómeno tan brutal que afectou a tódalas capas sociais e incluso se viu representado en obras de arte, ben en miniaturas medievais, ou ben en textos literarios como o Decamerón de Giovanni Bocaccio ((Villares, R.,2008)).

A peste negra, Yersinia pestis, -tamén chamada «peste bubónica»- recibe este nome pola cor negra dos bubóns que cubrían a pel dos infectados. Contaxiábase a través da trabadura dunha pulga ou rata portadora da enfermidade e chegara a Europa dende Asia a través das rutas comerciais establecidas por mercaderes xenoveses. A finais de 1345, xa se documentara un brote en Caffa, no Mar Negro; dende aquí trasladárase até Bizancio, seguindo por Oriente Próximo, costas mediterráneas de África e, finalmente, arribou a Europa en outubro do 1347, a través dos portos de Messina e Marsella ((García de Cortazar, J. A. & Sesma Muñoz J. A., 2014)). No 1348, mesmas datas que a peste negra desembarca en Portugal tamén o fai en Galicia. Se ben penetrou nas terras lusas dende o porto de Lisboa, chegando a núcleos urbanos como Coimbra, Santarem, Silves ou Bragança ((Cândida Proença,Maria, 2015, p. 212)), en Galicia entraría polo porto de Baiona.

Ermelindo Portela e María del Carmen Pallares ((Pallares Méndez, M. C. & Portela Silva, E., 2007)) recollen a testemuña de Durán Domínguez, comerciante de Baiona, que pide ao abade do mosteiro de Oia a redución do aforamento dun forno da vila:

que veera ao mundo tal pestilençia e morte ennas gentes que a mayor partida dellas eran fi nadas en tal maneira que elles non podían manter o dito foro nen dar dita renda.

Esta é a testemuña principal que nos indica a entrada da peste negra en Galicia. Así, dende o porto a enfermidade expándese polos diversos núcleos urbanos debido aos contactos comerciais. Na igrexa de Santa María A Nova de Noia, a tumba de Álvaro Paz Carneiro lembra o seu pasamento no 1348 a causa da peste ((https://www.gciencia.com/historias-gc/1348-chega-galicia-morte-negra/)), e temos constancia da súa presenza en Compostela a través das frecuentes referencias á mortaldade que fan os administradores das propiedades do cabildo para xustificar o despoboamento de certas casas e o descenso da renda urbana no 1350 ((Pérez Rodríguez, Francisco Javier. El dominio del Cabildo Catedral de Santiago de Compostela en la Edad Media (siglos XII-XIV). Santiago, 1994. Citado en Armas Castro, J. 2003)).

As ratas devoran un defunto. Le miroir historial, século XV. Museo Condé, Chantilly

En Ourense, a primeira testemuña chéganos a través do bispo da cidade. As terras da periferia estaban a despoboarse e ficaban sen cultivar, entre outras razóns, pola gran mortalidade que sobreveu no ano 1352. Nun documento dese ano, Beltrán Beltráñez, vicario do bispo, decide mellorar os contratos de foro por estaren ermas as terras episcopais a causa da peste e das elevadas rendas:

A huna razon he por que os ommes lavradores et aqueles que eran delas teedores commo foreiros morresen na mortaydade e pestilençia (…) en guisa que ficaron poucos para lavrar segundo he notorio pero todo o bispado d’Ourense. Outra razon he por que os ommes se querelan que as ditas herdades et casares, casas, viñas, chousas e cortiñas son de tan grande foro et con tan grandes carregas e tributos que se non atreven aas lavrar e leixanas desanparadas por que as non poden lavrar nen manteer et vansee a outras partes hu achan herdades de mellores foros ((Lopez Carreira A., 1988-89)). 

Unha das causas fundamentais para a expansión da peste foi a falta de hixiene, pública e privada. Existían grandes deficiencias nos sumidoiros e na evacuación de residuos, cunha práctica inexistencia de abastecemento de agua potable, desperdicios polas rúas e animais soltos. Ourense, como a maioría de cidades da época, tampouco estaba dotada de suministro de auga potable; existían varias fontes: Arcada, Vilar, do Bispo, dos Caños ou do Monte, mais non sempre estaban en condicións. Unicamente as Burgas constituían “a gran reserva para uso doméstico, así como a función hixiénica, aproveitando as súas augas dende a máis remota antigüidade” ((Gallego Domínguez, O., 1973, p. 16)).

Por outro lado, existía tamén a falta de hixiene privada, “daquela as persoas adiñeiradas e aristócratas tamén tiñan a súa dote persoal de piollos” ((Cipolla, C. M., 1993, p. 218)) en parte pola mencionada ausencia de agua corrente nas casas, a humidade, a falta de calefacción e os malos hábitos de limpeza corporal. A peste non diferenciaba entre señores e vasalos, e o seu impacto foi tal que incluso afectou á vida política.

A peste remata cunha vítima. Códice Stiny. Biblioteca Universitaria de Praga

No ano 1386, Xoán de Gante, fillo do rei Eduardo III de Inglaterra e duque de Lancaster, chegara coas súas tropas a Galicia. Estaba casado con Constanza, filla de Pedro I «O Cruel», polo que ambos herdaran os seus títulos reais sobre Galicia, León e Castela. Así, naquela data desembarcara na Coruña coa intención de exercer os seus dereitos dinásticos sobre o territorio e apoiar ao rei de Portugal, João I, no seu enfrontamento cos Trastámara de Castela. Foi nas terras da actual provincia de Ourense onde o duque de Lancaster atopou máis resistencia: : “a vila de Ribadavia resistiuse a aceptar ao inglés, polo que foi sometida violentamente, perecendo máis de 500 defensores e capturando os asaltantes un rico botín” ((Lopez Carreira, A., 2008, p. 413)). Ourense, igualmente capitulada, viviu tamén algúns combates e incluso a Catedral de San Martiño sufriu estragos. Non obstante, cando Xoán de Gante se asentou na cidade, un brote de peste rematou co 30% do seu exército, provocando a renuncia das súas pretensións rexias ante o Trastámara Xoán I.

En último lugar, o descoñecemento médico xogou un papel fundamental. Exceptuando as normas máis elementais de prevención -como o illamento do enfermo ou a incineración da súa roupa- as persoas do 1348 non tiveron outras armas para loitar contra a peste agás a fe. Interpretouse coma un castigo divino, unha conxura xudía, incluso Guy de Chauliac, un dos médicos máis importantes da época e autor da Chirurgia Magna (1363) recomendaba as curacións dependendo da posición dos astros ((García de Cortazar, J. A. & Sesma Muñoz J. A., 2014)).

Non obstante, posiblemente as fames e os malos ciclos agrarios sexan a causa fundamental para a multiplicación dos contaxios da peste. Detrás das agudas carestías estivo o clima; os anos centrais do s. XIV caracterizáranse por ser excesivamente fríos e chuviosos. Secasí, máis alá do desencadeamento inmediato, a explicación profunda é de índole social ou estrutural. Como vimos nas testemuñas anteriores, as rendas forais esixidas no século XIV eran moi altas, o que favoreceu un empobrecemento do solo debido ao seu uso intenso e prolongado. Como afirman Ermelindo Portela e Mª del Carmen Pallares, “a forte dependencia do campesiñado, elemento nuclear do feudalismo encerraba o xerme da crise” ((Pallares Méndez, M. C. & Portela Silva, E., 2007, p. 179-180)).

Cidadáns de Tournai enterran ás vítimas da peste. Miniatura das Crónicas de Gilles Li Muisis (1272-1352 d.C.). Bibliothèque royale de Belgique

Coa peste, as cidades perderon moitos dos seus habitantes, os mosteiros ficaron sen gran parte da súa produción e os efectos da epidemia fixéronse sentir mesmo no agro. Tras a crise do século XIV, os núcleos urbanos asistiron a unha rápida recuperación demográfica, mais foi o mundo rural o máis perxudicado. Este tivo que especializarse, polo que se adaptou ás demandas dos principais mercados da época: o Mediterráneo e o Báltico. Como menciona Villares, en todo o territorio galego, dende Viveiro ao Ribeiro, fomentouse a plantación de vides; en concreto a segunda adquire unha total especialización como productora de viño. Dita especialización tamén está relacionada coa peste negra, xa que “as áreas francesas de Gascuña ou Poitou, ficaron ermas despois da peste, o que obrigou a procurar viño noutras rexións, como Galicia” (( Villares, R., 2008, p. 157)).

*A foto de portada é un detalle da obra “O triunfo da Morte” de Peiter Brueghel o Vello (1562).

Bibliografía

-Armas Castro, José. “El afianzamiento de la realidad urbana después del año mil” en Portela Silva, Ermelindo (coord.). Historia de la ciudad de Santiago de Compostela. Concello de Santiago de Compostela, 2003.

-Cândida Proença, Maria. Uma historia concisa de Portugal. Temas e Debates, Lisboa, 2015.

-Cipolla, Carlo M. Contra el enemigo mortal e invisible. Crítica, Barcelona, 1993.

-Gallego Domínguez, Olga. “La peste en Orense desde el siglo XIV al XIX”. Boletín Auriense, núm. 3, 1973: 15-55.

-García de Cortazar, José Ángel & Sesma Muñoz, José Ángel. Manual de Historia Medieval. Alianza Editorial, Madrid, 2014.

-López Carreira, Anselmo. O reino medieval de Galicia. Edicións A Nosa Terra, Vigo, 2008.

-López Carreira, Anselmo. “Tres documentos sobre a crise do século XIV en Ourense”. Boletín Auriense, núm. 18-19, 1988-89: 169-178.

-Pallares Méndez, Mª del Carmen e Portela Silva, Ermelindo. “De xelmírez aos irmandiños. A Galicia feudal (séculos XII-XV). Volume 1: Campos e cidades nun espazo redefinido” en Barreiro Fernández, Xosé Ramón & Villares, Ramón (eds.). A Gran Historia de Galicia. Arrecife Edicións Galegas, Santiago de Compostela, 2007.

-Villares, Ramón. Historia de Galicia. Editorial Galaxia, Santiago de Compostela, 2018.

https://www.gciencia.com/historias-gc/1348-chega-galicia-morte-negra/. Consultado o 19-11-2019.

Notas ao pé

 

Comparte
Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on whatsapp
WhatsApp
Share on email
Email
Comentarios

Deixa un comentario

Relacionados