Tiros contra o descontento. 10 de marzo de 1972 en Ferrol

Roque Sanfiz Arias

Dous castelos flanquean a entrada da Ría de Ferrol dende hai séculos. Dentro, son tres as institucións que tiveron unha importancia capital no desenvolvemento da comarca, especialmente durante o franquismo.

O primeiro é o Arsenal Militar foi creado no s. XVIII e dende aquela condicionou o desenvolvemento e a composición da poboación da cidade de Ferrol. A situación estratéxica de Ferrol na península e sobre o océano Atlántico convértea nun enclave militar de primeira importancia.

Os outros dous dispóñense a ambos lados da ría. Trátase dos estaleiros de Bazán e Astano. Froito da instalación da base naval de Ferrol vai aparecer na mesma cidade, e tamén no s. XVIII, o estaleiro ferrolán posteriormente coñecido como Bazán. En 1760 daba emprego a entre 4600 e 4700 persoas ((BARRERA BEITIA, E. (2001). Páx. 64. )). En 1972, traballaban en Bazán entre a propia empresa e compañías auxiliares aproximadamente uns 7000 traballadores.

Ao outro lado da ría sitúase Astano, de creación mais recente. Comezara sendo unha carpintería de ribeira nos anos 40, pero medrou axiña ata chegar a dar emprego en 1972 a unhas 6000 persoas. O número e a concentración de obreiros que se deu na comarca nos anos 60 e 70 fai que sexa considerada coma un dos principais “focos potenciais de subversión” para o réxime.

Pola outra banda, o estaleiro de Bazán tiña unha longa traxectoria de conflitividade laboral con protestas multitudinarias contra a xestión da empresa, iniciadas en 1946 coa denominada “Folga do Aceite”: a primeira folga ao réxime franquista en Galicia.

Como explica Jose María Riobó ((Entrevista a José María Riobó en Radio Fene. (07/04/1997) )), militante de Comisións Obreiras e vogal do xurado da empresa no 1972, xa dende os anos 60 existían células de traballadores do Partido Comunista así como das CCOO dentro do estaleiro. Estas adoptaron unha nova táctica coa que aproveitarse do marco legal: empregaron as eleccións sindicais para inserirse na organización do Sindicato Vertical e, dende o interior, tentar mellorar as condicións dos traballadores: foi o chamado entrismo. O réxime intentou controlar a todos aqueles sospeitosos de pertencer ao Partido Comunista, pero non atoparon probas contra eles.

En 1972 produciuse na cidade de Ferrol un dos grandes episodios da loita obreira galega. O réxime franquista non dubidou en reprimir duramente as protestas, saldándose finalmente con moitos feridos e dous mortos: Amador Rey e Daniel Niebla.

Monumento ao 10 de Marzo en Ferrol. Fonte: www.galiciaartabradigital.com

A orixe do conflito estivo na negociación dun novo Convenio Colectivo para a empresa en 1971. Dende a organización do Sindicato Vertical tentaron impoñer un convenio conxunto para as factorías de Ferrol, San Fernando e Cartagena que debía ser negociado en Madrid; nel, os dirixentes sindicais ferroláns reclamaron un convenio individual. Isto debeuse, segundo José María Riobó, a que non se fiaban dos representantes sindicais das outras factorías, considerábanos afíns ao réxime polo que o seu apoio para a negociación conxunta era imposible. A propia Dirección Xeral de Seguridade de Madrid, no seu informe sobre os feitos, fala de que os enlaces de Cartagena e Cádiz non estaban comunistizados coma os de Ferrol ((GÓMEZ ALÉN, J. (1995). Páx. 157)).

Deste xeito, os representantes ferroláns decidiron non acudir á negociación que tivo lugar en Madrid o 26 de Xaneiro de 1972. O convenio interprovincial aprobouse o 6 de Marzo pese á súa ausencia e, nos meses seguintes, iniciaron mobilizacións reclamando un convenio propio. En principio, tratouse dunha reclamación relacionada cos dereitos laborais mais para o réxime foi un claro exemplo de subversión contra o poder instigada polos elementos comunistas presentes entre os produtores, o eufemismo do franquismo para evitar dicir traballadores.

As protestas sucedéronse durante os primeiros días do mes de marzo. Accións como deixar de realizar horas extra, paros parciais durante a xornada ou asembleas dentro da factoría repetíronse durante os dias previos ao día 10. Malia todo, non se produciron altercados violentos nin enfrontamentos salientables coa policía.

O 9 de marzo de 1972, á hora de entrada ao traballo, a dirección entregou expedientes de suspensión de emprego a catro enlaces sindicais e dous vogais. A noticia dos despidos expandiuse polo estaleiro e, como resposta, case todos os traballadores pararon a súa actividade. Segundo os informes policiais, concentráronse 4.000 traballadores diante da dirección da empresa pedindo a revogación destas decisións. Ante esta masa atopábase despregada a policía, avisada de antemán pola dirección da posibilidade de altercados. A forza policial deu unha hora límite para a disolución da concentración e, debido a que non se produciu, desaloxou aos traballadores do estaleiro.

Unha vez fóra, os traballadores foron perseguidos pola policía, producíndose mais enfrontamentos pero de menor escala. No informe policial e na prensa vanse presentar estes incidentes posteriores ao desaloxo como un intento dos obreiros de tomar o cuartel da Policía armados con barras de ferro e lastros de rúas que se atopaban en obras.

Obreiros na rúa o 10 de Marzo de 1972. Fonte: www.sucesosdo72.org

Chegamos ao día 10 de Marzo de 1972. Atendendo ás direccións dos compañeiros máis comprometidos politicamente, os traballadores preséntanse nas portas da factoría ás sete e media da mañá e atópanas pechadas. Así, concentráronse alí milleiros de traballadores aos que se sumaron os doutras empresas da cidade que pararan a súa actividade en solidariedade. Ademais, ao longo da mañá foron presentándose tamén mulleres da cidade, moitas das cales tiñan maridos ou fillos empregados alí.

Os traballadores dirixíronse dende a zona do cantón próxima á porta do estaleiro cara a Avenida das Pías dirección Perlío, onde se atopa o estaleiro Astano. A intención era que os compañeiros de dita factoría se unisen a eles e intentansen sumar polo camiño aos traballadores da construción do barrio de Caranza, que daquela estaba sendo levantado.

No camiño atopáronse cun despregue da policía de asalto que trataba de impedir o seu paso cara a ponte que une os dous lados da ría. Segundo os informes policiais, tan só se efectuaron disparos ao chan nun último intento de defensa propia ante unha masa de obreiros “fortemente armada” e o rebote das balas no chan foi o que produciu uns 20 feridos e dous mortos ((CAL MARTÍNEZ, M. R. (2015). Páx.100)).

Jose María Riobó conta como os obreiros se atoparon con disparos da Policía, que eles crían de fogueo, e con balas de goma como xa se produciran o dia anterior; non obstante, viron como compañeiros caían ao chan sangrando. O enfrontamento saldouse con 2 mortos, Amador Rey e Daniel Niebla, e aproximadamente uns 50 feridos. Julio Aneiros relata que moitos deles foron levados a sanatorios, pero moitos outros foron curados nas súas casas ou por institucións relixiosas para escapar do control policial.

As noticias do enfrontamento chegaron a Astano, onde os traballadores pararon a súa actividade pero desbotaron unirse á mobilización pois a armada colocou no medio da ría dous cañoneiros apuntando cara a ponte das Pías, como apunta Xesús Díaz quen formaba parte das CCOO no estaleiro fenés.

Tralos sucesos acontecidos en Ferrol, a cidade deteuse por completo e as rúas baleiráronse nunha situación de tensión que durou varios días. As autoridades percibiron os sucesos como un intento de sedición alimentado polo Partido Comunista, polo que chegaron á cidade reforzos policiais desde distintos puntos para tratar de reprimir as manifestacións e restablecer a orde. Bazán reabriu as súas portas o 19 de marzo, volvendo á actividade lentamente e por quendas de traballadores. O Tribunal de Orde Pública ordenou despedir a 160 traballadores, deter a un cento deles e multar a uns 50. Por outra banda, a brigada político social, encargada de perseguir e reprimir aos elementos opositores do réxime, utilizou os feitos para depurar o ambiente da cidade acusando a numerosos militantes comunistas, aínda que non estiveran directamente relacionados cos feitos. Debido ás altas contías impostas, unha gran parte dos multados ingresou na cadea.

Tres anos despois, en xullo de 1975 celebrouse en Madrid o chamado Proceso dos 23, onde se xulgou a participantes nos sucesos de 1972. Foron condenados a sete anos de cárcere Rafael Pillado, Manuel Amor e José Riobó, cinco para López Bonome e catro para Xulio Aneiros. Ademais deste proceso, elaborouse unha lista de 175 persoas que debían ser despedidos das súas empresas aínda que en moitos casos non acataron as ordes  ((GONZÁLEZ VIDAL, F. et al.(1999). Páx. 194)).

A Lei de Amnistía de 1976, trala morte de Franco, supuxo a liberdade definitiva dos derradeiros presos.

Bibliografía

BARRERA BEITIA, E. (2001). La transición en Ferrol. Ferrol: Edicións Embora.

CAL MARTÍNEZ, M. R. (2015). Informes diversos de los sucesos de Ferrol, 10 de marzo de 1972. Madrid: Liber Factory.

GÓMEZ ALÉN, J. (1995). As CC.OO. de Galicia e a conflictividade laboral durante o franquismo. Vigo: Xerais.

GONZÁLEZ VIDAL, F., ALONSO MONTERO, X., (Pról.) & SANTIDRIÁN ARIAS, V. M. (Ed. Lit.) (1999). Paco balón, memorias de un comunista ferrolano. Sada (A Coruña): Ediciós do Castro.

REI CASTRO, L. (2003). Astano: A empresa, a comisión obreira e a conflitividade (1941-1977). Santiago de Compostela: Fundación 10 de Marzo.

SANTALLA LÓPEZ, M. (1996). Ferrol, los sucesos de marzo de 1972. Santiago de Compostela: Fundación Luis Tilve.

Arquivo sonoro

Entrevista a Manuel Amor Deus en Radio Fene. (04/02/1997). Dispoñible en http://173.255.131.18/audio/181217AMOR.mp3

Entrevista a José María Riobó en Radio Fene. (07/04/1997). Dispoñible en http://173.255.131.18/audio/181217RIOBO.mp3

Entrevista a Julio Aneiros e Rafael Pillado en Radio Fene. (15/10/1987). Dispoñible en http://173.255.131.18/audio/181217PILLADO.mp3

Notas ao pé

Comparte
Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on whatsapp
WhatsApp
Share on email
Email
Comentarios

Deixa un comentario

Relacionados