¿Un Holocausto Español?

Mateo Martínez Torres

A violencia é unha actitude arredor da cal moitos pensadores reflexionaron ao longo da Historia. Esta, como concepto, xurdiu xa na antigüidade clásica, pero o cristianismo relegouna a un segundo plano, sendo retomada no Renacemento por autores como Maquiavelo, Hobbes, Locke ou Hegel. A concepción da vis (forza) –olentus (abundancia) na actualidade é, loxicamente, diferente á destes autores do pasado; non obstante, a raíz etimolóxica da palabra podería adxectivar a experiencia vivida por milleiros de persoas nos inicios dun conflito bélico en España, sobre todo nos últimos seis meses de 1936 e até ben entrado 1937.

O debate en torno á caracterización da violencia política superpúxose nos últimos anos a causa da aparición de novos enunciados, entre os que se encontran algúns conceptos como xenocidio ou Holocausto. Algo que gran parte da historiografía actual comparte é a obsolescencia do concepto de «represión» para denominar os actos de limpeza política levados a cabo polos sublevados durante o Golpe e a Guerra Civil. Dito termo non é capaz de englobar en si mesmo as sancións físicas, económicas ou administrativas producidas, as cales están inmersas en contextos tan diferenciados como a vitoria rebelde no contexto do verán de 1936, a impredecible duración da Guerra nos inicios do 1937, ou a «Longa Guerra Total» a partir da primavera do mesmo ano. Deste xeito, existen diferentes termos que buscan definir o mellor posible a natureza e magnitude das persecucións realizadas en España como consecuencia do conflito iniciado tralo Golpe de Estado. Holocausto xenocidio son algúns deles.

O debate arredor de ambos vocábulos é espiñento. Nun sentido estritamente literal e etimolóxico, o primeiro concepto utilízase para definir unha matanza masiva de seres humanos; non obstante, parece desprenderse que Holocausto é unha palabra que se refire exclusivamente ao exterminio dos xudeus. Polo tanto, e a pesar de que existen autores que si defenden o uso de dito termo (Paul Preston: 2011), considero que non é axeitado empregalo. O meu argumento non se basea só nunha análise dos datos, nos cales se observa que o número de vítimas en España distan moito das da Shoá, senón tamén en que o obxectivo fundamental do Golpe de 1936 non era entronizar a unha «raza» superior, como si o foi o do III Reich.

Así, a controversia real reside no termo xenocidio, non só por estar directamente relacionado co de Holocausto, senón porque é a pedra angular sobre o debate actual en torno á represión. O termo é un neoloxismo conformado polo xurista polaco Raphael Lemkin, e empregado por el mesmo por vez primeira na súa obra Axis Rule in Occupied Europe (1944). O concepto adquiriu un gran rango global cando ONU aprobou a Resolución 96 (I) o 11 de decembro de 1946, na que se declaraba que o xenocidio se convertía nun delito de dereito internacional .

A idea de que o acontecido a partir do 18 de Xullo de 1936 foi un xenocido cobrou forza a medida que a historiografía e as iniciativas de familiares de vítimas foron descubrindo, ante a opinión pública, a magnitude da semente da morte que seguiu ao golpe militar. Certos historiadores e historiadoras consideran que o emprego do termo é só un antollo, un novo concepto que non achega nada á doutrina histórica xa que non hai constancia para poder crer nun plan de exterminio contra os inimigos dos sublevados. Considero acertado tomar unha posición contraria cara a anterior afirmación. Os rebeldes observaban ao goberno da Fronte Popular, e polo tanto aos seus simpatizantes, como a anti-España, a enfermidade roja contra a que era necesario levar cabo unha cruzada. Así o reflexa Emilio Mola na súa Instrución Reservada Nº 1:

«Las circunstancias gravísimas por que atraviesa la Nación, debido a un pacto electoral que ha tenido como consecuencia inmediata que el Gobierno sea hecho prisionero de las Organizaciones revolucionarias, llevan fatalmente a España a una situación caótica, que no existe otro medio que evitar que mediante la acción violenta. Para ello los elementos amantes de la Patria tienen forzosamente que organizarse para la rebeldía, con el objeto de conquistar el Poder e imponer desde él el orden, la paz y la justicia»

Anónimo. 1938? Biblioteca Nacional

Obsérvase un plan predeterminado e coordinado de diferentes accións encamiñado á aniquilación dun grupo ideolóxico en si mesmo. Os sublevados consideraban fundamental o uso da violencia por diversos motivos, non só pola súa mentalidade pretoriana e o medo a un perigo bolxevique inexistente, senón tamén porque eran conscientes de que non contaban co apoio da maioría social, un aspecto fundamental para a estabilidade de calquera estado ou réxime, que se demostra coa vitoria da Fronte Popular na convocatoria electoral de Febreiro do 1936. Así, na citada fonte, o xeneral Mola advertía que «la acción ha de ser en extremo violenta para reducir lo antes posible al enemigo, que es fuerte y bien organizado», demostrando a existencia dun plan de exterminio do «perigo rojo» que residía en España. Deste xeito, e parafraseando a Javier Rodrigo (2008), entendo o conflito bélico en España non como unha Guerra Civil en si mesma, senón unha «guerra contra o civil». O terror sen necesidade de máis adxectivos.

A precocidade das matanzas españolas na Europa dos anos 30 debe ser tida en conta, xa que a súa singularidade as situou, equivocamente, fóra das matanzas vencelladas ao nazismo e ao fascismo, coma si non formasen parte do mesmo ciclo. Polo tanto, penso que non levar a cabo unha análise dos procesos acaecidos por parte dos rebeldes dende xullo do 1936 dende a perspectiva dunha «práctica xenocida» sería caer nun erro, non por asimilar a lóxica xenocida á que Lemkin outorgou nome no caso español, senón porque as vítimas das represalias cometidas polos sublevados están conectadas cos procesos bélicos europeos, coa denominada «guerra civil europea» que parte da historiografía actual defende como concepto, da cal a guerra civil española foi unha expresión paradigmática.

Polo tanto, a conclusión que se pode extraer é que o emprego dun termo como xenocidio non é antolladizo, senón que serviría para integrar á Guerra Civil Española no contexto europeo do que formou parte. Realmente, o concepto de xenocidio dá nome a un pasado coñecido e analizado en múltiples obras, artigos e estudos. Secasí, esta análise non pretende ser o Talmud dun debate tan actual, pero si aportar un raio de luz, por pequeno que sexa, a un coloquio vivo na historiografía da Guerra Civil.

Comparte
Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on whatsapp
WhatsApp
Share on email
Email
Comentarios

Deixa un comentario

Relacionados