A presencia do exilio na industria cinematográfica mexicana (II): os irmáns Mayo.

Miguel Rodríguez Martínez

A fotografía do exilio republicano foi determinante no devir da industria cinematográfica de México, sendo Hermanos Mayo o caso máis paradigmático pola súa misión de transmisores da realidade mexicana a través das súas lentes.

O contexto da II República significou un avance fotográfico salientable en canto posibilidades, tecnoloxía e difusión. A Constitución promulgaba no artigo 34 a «liberdade de prensa», afectando ás editoriais periodísticas ao darlles a posibilidade da publicación de imaxes nos medios. O ámbito periodístico considerou un obxectivo primario a noticia gráfica, xa que permitiu documentar nun formato visual as distintas comunicacións difundidas, así como implicou a aparición de importantes persoeiros tanto individuais como colectivos ((Tolosa Sánchez, G. “Evocaciones gráficas de la Guerra Civil española y el exilio mexicano” Clío, 39 (2013): 1-3.)).

Novos planos, inovacións técnicas e formatos alternativos: aspectos que derivaron directamente na industria cinematográfica. Ante esta oleada do fotoperiodismo arrancou a Guerra Civil e a necesidade de narrala a través das imaxes, creando documentos dos episodios vividos que se converteron en novas formas de conservar a memoria. Do mesmo xeito, os republicanos que tiveron que recorrer á vía do exilio conservaron esta ferramenta para manter a historia e a memoria dunha sociedade perseguida.

Velaquí entran os nosos protagonistas que continúan esta serie de artigos, nada menos que os denominados “fotógrafos da Guerra Civil”, posteriormente exiliados a terras mexicanas. Cabe sinalar que nin todos eran irmáns, nin o o seu apelido era Mayo. A axencia estaba composta por dous grupos de irmáns provintes da familia dos Del Castillo e dos Souza –os primeiros de Madrid e os últimos nados na Coruña- quenes optaron por ese nome pola súa vertente ideolóxica en honra do primeiro de maio. A súa labor no eido fotográfico propiciou un total de 5.5 millóns de negativos en total, os cales foron donados ao Archivo General de la Nación no 1994 ((Redación “Fallece el último de los hermanos Mayo ” Milenio (29/06/18) Dispoñible en: https://www.milenio.com/cultura/fallece-el-ultimo-de-los-miticos-hermanos-mayo [Data de consulta: 5 de maio de 2019].)), unha idea da magnífica produción e recuperación da memoria dos exiliados que estes levaron a cabo ao outro lado do Atlántico.

Francisco Souza trasladouse coa súa nai e os seus irmáns tralo finamento do seu pai da Coruña a Madrid. Antes da apertura da compañía fotográfica, Francisco traballou como mecánico de aviación, onde valorou moito a fotografía aérea e as posibilidades que esta ofrecía. Un contexto aínda inmerso nunha revolución tecnolóxica que se traduce nunha diversidade de innovacións no mundo das artes. Unha das principais referencias precisamente a esta fotografía aérea foi a tomada no vello cárcere Modelo, no ano 1934. Comparemos este formato fotográfico cunha escena da película Torero! do tamén galego no exilio Carlos Velo. Non estamos a dicir que fose unha inspiración directa entre ambas tomas, pero vemos como dende o exilio se introducen planos novedosos na industria cinematográfica mexicana.

Á esquerda Estrella roja (1934), fotografía de Francisco Souza; á dereita, fotograma de Torero! (1953) de Carlos Velo

Neste encontro en Madrid naceu Fotos Mayo, a xuntanza dos hermanos Souza e os Castillo na capital do Estado español. Durante a Guerra Civil desempeñaron unha impresionante labor fotográfica na fronte, na que permaneceron até o ano 1939 polo seu compromiso ideolóxico ao ser todos eles militantes do Partido Comunista e suministrar o seu traballo a periódicos como Frente Rojo ou Mundo Obrero.

Os Mayo mantiveron a testemuña dos horrores dunha guerra fraticida, polo que se verían obrigados a retirarse a Barcelona cando xa os altos mandatarios da República preparaban o seu exilio. Tomaron a decisión de cruzar a fronteira francesa para fuxir cara México. O único que decidiu quedarse foi Julio, que optou por manterse na fronte combatindo directamente o inimigo e foi finalmente encarcerado en Alicante até o ano 1947. Finalmente, foi reclamado dende México, reuníndose co resto dos irmáns xa para sempre como transterrados ((Tolosa Sánchez, G. op. cit. p. 23.)).

Fotografías dos irmáns Mayo no Sinaia rumbo ao porto de Veracruz, México. Fonte: Francisco Souza.

No momento de chegada do barco ao porto de Veracruz, o goberno mexicano xa lles encargou a encomenda de fotografiar a todos e cada un dos exiliados a modo de rexistro identificativo. Deste xeito, servíronse dos adiantos tecnolóxicos para ilustrar a memoria da sociedade republicana e asemade agradecer ao país mexicano a súa acollida.

Unha vez instalados en México, fundaron a empresa Fotos Hermanos Mayo, que se convertiu no baluarte do mundo fotográfico do seu tempo na república mexicana. A axencia encargouse do desenvolvemento da vida cotiá da sociedade mexicana, traballando para os principais xornais que chegaban a cada familia. Se na Guerra Civil retrataran instantáneas determinantes como a fotografía a Lister no campo de batalla, ou A Pasionaria ((De las Heras, B. “Fotografía y Guerra Civil española: del instante a la historia” Revista de cine y fotografía, 13 (2006): 4-9.)),agora os seus obxectivos enfocaban a figuras como Leon Trotsky ou Frida Kahlo, Diego Rivera ((Tolosa Sánchez, G. op. cit. p. 33.)). Por iso destacamos a súa relevancia para o mundo do cine, xa que se convertiron nos ollos da sociedade mexicana. E non só isto, senón tamén vaga a pena destacar outro tipo de actividades que rexistraron cos seus negativos como folgas, acontecementos político-sociais e talvez un dos episodios máis funestos da Historia de México: a matanza de Tlatelolco do 68′.

 

Ben é certo que non colleron unha cámara cinematográfica e se puxeron nas mans desta industria como tal pero, acaso non é unha influencia intanxible deste eido? Cantas veces a través das súas instantáneas nos medios de comunicación lograríanse os directores da época de ouro do cine mexicano inspirar e vislumbrar moitas técnicas, perspectivas e formatos para escenas das súas filmes? Non deben quedar como mero intanxibles, senon que os engadimos neste relato máis enfocado na industria cinematográfica comprendendo a realidade deste mundo de forma máis transversal. O próximo artigo será o final monográfico do gran director galego no exilio: Carlos Velo.

Notas ao pé

Comparte
Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on whatsapp
WhatsApp
Share on email
Email
Comentarios

Deixa un comentario

Relacionados