Memoria esquecida. O toxo, vello motor da Galicia agraria.

Miguel Rodríguez Martínez

A cor amarela inunda a paisaxe galega nestas datas nuns montes que nunca tiveron tantas árbores coma hai na actualidade. Isto pode semellar enganoso, posto que cada día a natureza perde espazo ante un avance urbano que invade o territorio. Até non fai moito non era así: o monte non se trataba dun conxunto de elementos arbóreos, arbustos e pastos. Abandonando o anacronismo que os nosos tempos pode inducir, temos que ter en conta dende unha perspectiva histórica o monte galego como un sistema orgánico, motor fundamental da agricultura galega. Aquí entra ese arbusto de flor amarela e grandes espiñas que incluso lle dá nome a aquelas persoas ásperas ao trato cos demáis: o toxo. Planta invasora? Odiada dende tempos inmemoriables por todos os galegos? Neste breve artigo imos retroceder a tempos pasados para comprender o auténtico valor do toxo.

Os montes galegos, para que servían? Debemos abandonar esa imaxe idílica do monte galego cheo de carballos e castiñeiros, formando grandes devesas e espazos naturais bucólicos. As terras de labor non poderían producir sin os recursos aportados pola xestión do monte, xa que eses recursos eran absolutamente fundamentais para o funcionamento correcto nun modelo orgánico. A realidade do monte -entendéndoo como esa ‘terra non cultivada’- galego non era outra que a da estivada, auténtico soporte do sistema agrario directo. Anualmente, a comunidade que xestionaba o monte decidía que parte do monte se podía cultivar, reservando ese fragmento territorial para tratar de ter unha colleita suplementaria.

Aquí entra esta estivada, que consistía na queima da broza da parcela seleccionada, xa que o lume é unha ferramenta de cultivo que osixena e pon a terra en disposición de producir. Esta parte queimada vaise distribuir en parcelas entre os veciños aos que o monte corresponde. Normalmente esta parte se cultiva con centeo, trigo de monte, etc; nunha terra que non é de boa calidade, pero si permite obter bos rendementos nun ano. O ano seguinte este anaco non é hábil productivamente, polo que hai que seleccionar outro anaco do monte. Resultado: cada uns vinte anos, vólvese queimar o primeiro que mencionamos -excepto aquelas áreas que teñan unha funcionalidade definida e inflexible- polo que esa primeira imaxe das árbores dominantes non é posible, reiniciándose o ciclo produtivo do monte.

Aparece o toxo na partida, gran protagonista do aproveitamento dos montes galegos. É unha especie fundamental na agricultura orgánica galega con diversas funcións. En primeiro lugar, pese a que poida chamar a atención, é unha fonte de alimentación para o pasto. Nos momentos iniciais do seu ciclo de vida pode ser pastado por cabalos, cabras, ovellas e incluso os brotes máis ternos por vacas, sendo así un sustento para o gando que dependía na meirande parte das ocasións da alimentación que os montes producían neses espazos seleccionados para o pastoreo.

A medida que o toxo se vai desenvolvendo, cumpre outra serie de funcións. Unha clave, tal vez a máis importante utilización desta planta arbustiva, é a de compoñer o estrume, un fertilizante orgánico de extraordinaria calidade. Para levar a cabo a súa potencialización, rózase o toxo no monte e lévase ás cortes, onde se pon a macerar xunto con escrementos animais que estercarán e abonarán as terras para seren fertilizadas. Para materializar a importancia do toxo, presentaremos ao xeógrafo francés Abel Bouhier, especialista na estrutura agraria de Galicia que presentou a súa tese no ano 1977 titulada “La Galice, essai géographique d’analyse d’interpretation d’un vieux complexe agraire”. Bouhier calculou que por cada hectárea cultivada, eran necesarias entre 3 e 4 hectáreas de monte. Iso exlica que aínda hoxe en Galicia a superficie cultivada sexa moi pequena, xa que dende entón esa relación de área cultivada por catro de monte tiña un amarelo e puntiagudo protagonista: o toxo.

O mesmo Abel Bouhier interpretou que cada hectárea cultivada necesitaba anualmente entre 20 e 40 carros de estrume de toxo. Inmenso traballo que ocuparía unha terceira parte das xornadas dos labregos galegos no monte, incorporando outro elemento clave: o toxo era cultivado. Así coma hoxe se pode asistir ao mercado para mercar sementes de diversas plantas, daquela un dos produtos máis demandados era a xérmola do propio toxo. Deses entre 20 e 40 carros de toxo, o investigador francés estima o peso de cada carro en 400 quilos, polo tanto un mínimo de 8 toneladas anuais por hectárea. A clave da fertilización por ende é a clave da inexistencia das árbores en tempos pasados, xa que as inmensas superifices eran ocupadas polo toxo. De feito, a produción madeireira era escasa, de aí a dedicación sistemática da produción de toxo na súa pluralidade funcional.

Finalmente, chegamos a unha última etapa do ciclo da vida do toxo, cando máis vello acadando un tamaño considerable. Era aproveitado nas súas diferentes formas como combustible, pois chega a ter unha consistencia leñosa moi dura para diversas funcións caloríficas, xa fose cociñar ou mesmo para quentarse. Talvez hoxe sexa considerada unha especie invasora que non aporta ren á vida agraria de Galicia no imaxinario popular, mais a entrada de fertilizantes artificiais e, en xeral, a expansión das innovacións tecnolóxicas vencelladas á sustentabilidade agraria non poden servir como excusa para facer caer no olvido unha planta herbácea central na vida da Galicia. Unha auténtica máquina de labrar, clave para comprender o rendemento das superficies cultivadas galegas.

Comparte
Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on whatsapp
WhatsApp
Share on email
Email
Comentarios

1 comentario en “Memoria esquecida. O toxo, vello motor da Galicia agraria.”

Deixa un comentario

Relacionados